En canto á información publicada hoxe por La Voz de Galicia na edición Vigo titulada: “O xefe de emerxencias das luces cursou a súa dimisión por rexistro antes do Nadal”, o Concello quere manifestar novamente que se trata dunha información completamente falsa. Tal e como desmentimos o 24 de decembro en resposta á mesma información deste xornal, o goberno local reitera que non se ten producida ningunha dimisión por motivos de seguridade de ningún responsable do Plan de Autoprotección do Nadal de Vigo. Esiximos a rectificación inmediata dunha información torticera e falsa porque este xornal é coñecedor da realidade. Insistimos, polo tanto, en que non se produciu dimisión algunha por motivos de seguridade.
La Voz de Galicia falsea a información, a pesar de que este goberno remitiu un comunicado desmentindo a nova publicada a finais de ano, na que se afirmaba que o director de emerxencias do Plan de Autoprotección do Nadal de Vigo dimitira por motivos de seguridade.
Amais, La Voz de Galicia pretende relacionar novamente unha inexistente falta de seguridade co incendio do edificio na rúa Alfonso X, cuestionando reiteradamente a intervención do Servizo de Bombeiros, onde o dispositivo funcionou de xeito correcto e en tempo récord e a actuación foi intachable.
Tal e como se informou no seu momento, o parte do servizo recolle que a primeira chamada se recibe ás 04:02h, 1 minuto máis tarde os bombeiros saen do parque de Teis e 6 minutos despois, ás 04:09h, chegan ao lugar do sinistro. Segundo asegurou o xefe de bombeiros, o lume quedou extinguido en 3 minutos. Foi unha actuación exemplar dos bombeiros de Vigo.