Dioivo celebra a Reconquista de Vigo este sábado na Sala Kominsky cun concerto xunto aos barceloneses Dios

por Redacción Vigo

O dúo vigués de metal en galego continúa a presentar o seu último álbum, Cara os Ceios Incrementes, lanzado no pasado mes de xuño

O dúo de metal en galego Dioivo dará un novo concerto na súa cidade natal, Vigo, acompañado esta vez da banda barcelonesa de death metal Dios. O evento terá lugar na céntrica sala Kominsky o sábado día 6 de abril, durante a fin de semana na que se celebra a Reconquista de Vigo. A apertura de portas será ás 20:30, e as entradas poderán ser reservadas de xeito anticipado a un prezo de 6€ contactando con Dioivo a través das súas redes sociais. Na billeteira tamén haberá entradas dispoñibles, esta vez a un prezo de 8€.

A banda viguesa conmemorará así unha das efemérides máis sinaladas no calendario da súa cidade. Aínda que a Reconquista tivo lugar como tal o día 28 de marzo, cada ano as festividades teñen lugar nunha fin de semana cercana, sendo pois as datas variables. O concerto deste sábado 6 de abril de está apoiado por diferentes colectivos de afeccionados á música metal da cidade, concretamente Vigo Rock Crew, Raposos Crew, Vigo Metalheads, Metal Nostrum e Musik Attack.

Xunto a Dioivo, organiza este concerto a asociación barcelonesa Manguales Extreme Metal Union, coa que o dúo vigués viaxará axiña ao municipio barcelonés de Sant Adrià de Besòs para tocar por primeira vez nesa provincia. Este concerto terá lugar o vindeiro día 8 de xuño no local da asociación cultural Los Trecers, e nel Dioivo compartirá cartel coas bandas Devotion, Hrizg, Cultum Mortis e Between the Frost.

No concerto do sábado na Sala Kominsky os vigueses continuarán a presentar o seu último álbum Cara os Ceios Incrementes, gravado por Dany Soengas e lanzado en CD no pasado mes de xuño polo selo independente grego especializado en música metal Sleaszy Rider Records. Tamén presentarán o seu novo videoclip, «Ata o final», que veu a luz o pasado día 19 de febreiro. Foi gravado por Marko Otero nun concerto da banda no pub Transylvania de Vigo con numerosas colaboracións, con edición a cargo de Adrián Porima.

O día anterior ao concerto, o venres día 5 de abril, o colectivo Manguales organiza outro recital de metal na cidade olívica, esta vez no pub Transylvania. As bandas que participarán nese evento serán a agrupación pontevedresa Narbeleth, fundada na Habana, e as formacións barcelonesas ReDimoni e Udûn. Ambos concertos encherán a fin de semana da Reconquista de Vigo de música metal extrema.

Dioivo é unha banda con xa máis de 8 anos de traxectoria, pois foi fundada ó comezo do ano 2016 en Vigo. Dende entón teñen tocado por toda Galicia e por diferentes puntos da península, e teñen lanzado diversos traballos discográficos. En 2016 editaron o EP Dioivo I, seguido do álbum Dioivo II en 2019 e do EP Dioivo III en 2021. Neles amosan a súa mestura de estilos como o black metal melódico ou o thrash metal, sempre con letras en lingua galega.

O dúo ten unha especial predilección por musicalizar poemas da literatura galega, como «Sempre pola morte esperas» de Rosalía de Castro, no que basearon a súa primeira canción, ou «Hai sede na Nova Galicia» de Florencio Delgado Gurriarán, adaptado con motivo do Día das Letras Galegas 2022 adicado ao autor de Valdeorras. Tamén puxeron música á novela Retorno a Tagen Ata de Xosé Luís Méndez Ferrín nun tema de máis de 11 minutos de duración que contou coa participación do propio autor nas narracións do tema.

Outra canción destacada de Dioivo é «Por 100 anos máis», adicada ao Celta de Vigo e á súa afección con motivo da celebración do centenario do club o pasado ano. Así mesmo, versionaron no seu último CD o tema «Unha de guerra» do mítico grupo punk vigués dos anos oitenta e noventa Desvirgheitors. Esta gravación formou parte da recompilación Ferro e Pedra: Homenaxe ós Precursores xunto a outras versións de históricos artistas de rock e metal galegos por parte de bandas actuais.

Os vigueses atópanse actualmente inmersos nos concertos de presentación de Cara os Ceios Incrementes. Ademais da actuación desta fin de semana e da prevista en Sant Adrià de Besòs, o grupo ten preparadas xa varias datas en diferentes puntos da península que serán anunciadas proximamente. Anteriormente, o grupo xa presentou o seu novo álbum en cidades e vilas como Ferrol, Tomiño, Braga, Covilhã, Pontevedra, Palma, Madrid, Salceda de Caselas, Sarria ou A Coruña.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario