A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, compareceu nunha rolda de prensa ante os medio despois das declaracións do Partido Popular a cerca da contratación de actuacións para a celebración de festas nas parroquias e barrios de Lugo. A concelleira quixo aclarar que non se trata de axudas, tal e como expuxo o PP, se non que «o Concello de Lugo paga a actuación directa dun grupo ou actividade contribuíndo á celebración da festa nos lugares do termo municipal que o soliciten», explicou.
Maite Ferreiro aclarou que o cambio no procedemento se produce debido a que o Concello ten a sospeita da existencia de organizacións de espectáculos que se lucran de cartos públicos a conta destas contratacións. A concelleira deixou claro que «son sospeitas, xa que de telo claro, acudiriamos a outras instancias para pórlle solución». Do mesmo xeito, Maite Ferreiro amosou a súa preocupación coa resposta do PP debido a que «non pode seguir apoiando un modelo no que se sospeita que hai aproveitamento intencionado de cartos públicos».
O Goberno Municipal, explicou Ferreiro, ten que velar pola utilización dos cartos públicos e potenciar a existencia de festexos no termo municipal, «tal e como se ven facendo e se fará no futuro». Para iso insiste en que «debe existir unha interlocución directa entre as asociacións e o Concello para evitar este tipo de practicas irregulares e optimizar e mellorar a colaboración».
A concelleira aclarou que dende o Goberno se promociona a inclusión de todo tipo de músicas e actividades nas festas de barrios e parroquias, «tal e como se pode comprobar esta fin de semana nas festas da parroquia de Pedreda, onde se comenza a investir a partida de 20.000 euros destinada polo Concello de Lugo a colaborar na mellora de festexos no termo municipal», rematou Ferreiro.