Elena Candia: “Hoxe rexistramos as 1.500 sinaturas que recollemos en 2 días na Milagrosa, para reclamar máis seguridade”

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Elena Candia, participou hoxe no rexistro das máis de 1.500 sinaturas recollidas entre a veciñanza da Milagrosa en demanda dun barrio máis seguro. O acto tivo lugar ás portas do edificio administrativo da Ronda da Muralla.
Candia estivo acompañada dun neno do barrio, ambos portando cadansúa carpeta coas sinaturas. O neno, representando o futuro do barrio e as voces de centos de familias que queren vivir tranquilas, vestía unha camiseta coa mensaxe “Por un barrio con futuro”, mentres que a voceira levaba outra camiseta co lema “Por un barrio seguro”. Debaixo destes slogans figuraba o hashtag #EuApostoPolaMilagrosa.
A voceira popular incidiu en que os veciños levan moito tempo reclamando solucións fronte á presenza de locais con infraccións na Milagrosa e noutros puntos da cidade, sen obter resposta do Goberno local. Por iso, pediu ao executivo municipal que “se tome en serio esta problemática e actúe dunha vez por todas”.
Candia tamén recordou que o PP xa puxo enriba da mesa propostas concretas e viables, como:
• A creación dunha oficina da Policía Local no barrio da Milagrosa.
• O reforzo do cadro de persoal da Policía Local, cubrindo as prazas vacantes.
“Estas son medidas realistas, urxentes e perfectamente asumibles, que darían resposta a unha demanda xusta dos veciños e mellorarían a seguridade non só na Milagrosa, senón no conxunto da cidade”, concluíu a voceira popular.

Comparte éste artículo
No hay comentarios