As persoas inscritas en Creando diversidade estrearán a súa curtametraxe na clasusura do festival Norte Cinema Diverso

por Redacción A Coruña

O certame coruñés impartirá un obradoiro de introdución ao cine con móbil

O obradoiro Creando diversidade: introdución ao cine con móbil é unha das novidades da segunda edición do festival Norte Cinema Diverso.

O curso, impartido polo cineasta Domingo D. Docampo desde o 12 de febreiro no Centro Cívico da Cidade Vella, está destinado ás persoas interesadas en sacarlle todo o partido ao seu teléfono móbil mediante a creación audiovisual. “Non é preciso ter coñecementos previos. Só é necesario vir cun smartphone. Filmaremos desde o primeiro día. O alumnado fará contidos de xeito individual en pequenos formatos e todos xuntos faremos unha curtametraxe sobre a diversidade e a identidade sexual”, sinala Docampo. O resultado final formará parte da programación do Norte Cinema Diverso, que se celebrará no Teatro Colón os días 29 de febreiro, 1 e 2 de marzo.

Creando diversidade impartirase os luns, mércores e venres desde o 12 de febreiro ata o 23 de febreiro. O sábado 24, realizarase unha master class tamén no Centro Cívico da Cidade Vella. As prazas serán para as primeiras 15 persoas que se inscriban, de balde, na dirección de correo: nortecinemadiverso@gmail.com

Norte Cinema Diverso 2024, ademais de ampliar a tres días a súa duración, incorpora tamén a novidade do NCD Educa, unha iniciativa que leva ás aulas o cine LGTBI+ para xerar debate coa comunidade escolar. Tras a súa estrea nos institutos Eusebio da Guarda e Monte das Moas, NCD Educa chegará a semana que vén ao instituto de Elviña. Na segunda quincena de febreiro entrará nas aulas de Zalaeta e A Sardiñeira.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario