O Entroido coruñés de 1916: o bando que substituíu a sátira polas carrozas

por Redacción A Coruña

O Entroido designa o período que precede a Coresma, durante o que se celebran festas populares con máscaras, comparsas ou bailes, e tamén as festas propias deses días. Sexan de orixe relixiosa ou pagá, estas celebracións asumiron un rol de inversión social case transgresor, a través do disfrace e a mascarada, a sátira ou as enchentes. Pero o realismo grotesco do Entroido tardomedieval e renacentista bateu co xurdimento da sociedade burguesa, que paulatinamente tentou laicizar e desmitificar a súa entidade, procurando convertela nunha cerimonia desposuída do ton satírico, cómico e pantagruélico e que visibilizase o novo status das elites. Un deses intentos quedou inmortalizado na serie de fotografías que conserva o arquivo da Real Academia Galega correspondente ao Entroido coruñés dos primeiros anos do século pasado. A reportaxe fotográfica pode verse na web da RAG e tamén está dispoñible en Galiciana – Arquivo Dixital de Galicia.

En febreiro de 1916 o concello da Coruña emitiu un bando que prohibía, entre outros detalles propios da natureza carnavalesca, «los disfraces contrarios a la decencia y los trajes o atributos de autoridades o de funcionarios de los órdenes civil, militar o eclesiástico», que os homes se disfrazasen de mulleres e as mulleres de homes, que as máscaras se detivesen na rúa ou guindar ovos recheos de confetes ou calquera clase de obxectos para «evitar molestia a las personas». Tamén se prohibían as coplas e os cantares non consignados nos orixinais autorizados polo goberno civil nunha norma encamiñada a privilexiar unha celebración refinada baseada en desfiles de carrozas que circularía por espazos acoutados.

A colección de fotos do arquivo da RAG que ilustra aquel Entroido de carrozas circulando en procesión polos Cantóns e os xardíns de Méndez Núñez, feitas por Pedro Ferrer (1870-1939), pertence ao fondo persoal de Manuel Casás, o rexedor que asinou dito bando, futuro membro da Academia e presidente da mesma entre 1942 e 1960. Os primeiros carnavais deste tipo, de carácter urbano, xurdiran en Galicia a partir de finais do século XIX e estendéronse con manifestacións nas cidades e principais vilas do país.

Na súa loita contra o Entroido tradicional, o goberno municipal preparou unha series de actividades como bailes e recitais e coorganizou o desfile. As luxosas carruaxes, patrocinadas moitas delas polas diferentes sociedades e compañías existentes na cidade (o Circo de Artesáns, o Sporting Club, asociacións de prensa, diarios, exército, a compañía de tranvías etc.), simbolizaban o cambio de paradigma, no que o contacto libre e familiar do Entroido se foi substituíndo por una espectacularización pechada e restrinxida. O ano 1916 sinalou así o camiño que se seguiría en diante. Ata que na década dos 80, unha vez superada a ditadura, o Entroido coruñés retornou con toda a súa forza á súa orixe popular e satírica, farturento, cheo de risa e de chanza.

Saúdos cordiais e bo Entroido,

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario