Formoso comprometeuse a unha actuación por fases para reducir a sinistralidade nunha vía sinuosa e con numerosas pendentes
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, mantiveron unha reunión para analizar a situación da estrada provincial DP-2904, que une o concello xalleiro con Coristanco. A vía, cunha lonxitude de 18 quilómetros, ten un trazado sinuoso e con numerosas pendentes.
Na xuntanza, Formoso avanzoulle ao rexedor o compromiso da Deputación de acometer unha actuación por fases coa prioridade de estudar a mellora da curva situada á altura de Amarelle, no quilómetro 17 da estrada. Trátase dun punto especialmente perigoso, para o que se analizará a viabilidade dun trazado alternativo.
Outro dos tramos sobre os que falaron o presidente e o alcalde é o das curvas situadas nas inmediacións de Almacenes Recarey, á altura de Padreiro, tamén no termo municipal de Santa Comba. Segundo explicou Valentín González Formoso, a actuación sobre este punto, situado no quilómetro 15 da vía, ocuparía o segundo lugar na orde de prioridades da Deputación á hora de acometer melloras na seguridade viaria da DP-2904.