Pandemia vírica & Pandemia política. Por Xosé Edrosa Leal

por Xosé Edrosa Leal

Xosé Edrosa Leal

Tal día coma hoxe, trece de marzo de dous mil vinte, entre a incertidume e a incredulidade, as nosas vidas cambiaron  de súpeto, confinándonos nos nosos fogares por mor da pandemia do coronavirus e tamén chamada Covid 19, a que aínda hoxe segue deixándonos rastros; outros e outras nin esa sorte tiveron e fóronse para sempre, aos que vai adicado este artigo como lembranza e homenaxe. Unha lección terribel que nos debería ensinar moitas cousas, para medrar en humanidade, facernos mellores, construíndo un mundo máis xusto, seguro e máis feliz para todas e todos.

 Alguén dixo a comezos da pandemia, que esta crise ía sacar o mellor e o pior de nós. O autor ou autora de tal predición atinou de cheo, pois así sucedeu, mutando o pior especialmente nunha gran parte  da nosa clase política,  a que xa viña amosando claros síntomas de febleza nas súas defensas inmunolóxicas, afectando sobre todo ás súas facultades para a correcta gobernanza da cousa pública en tempos de normalidade, feito que se agrava con evidente notoriedade á hora de xestionar aquel estado de emerxencia planetaria, no que a cidadanía requería de excepcionais coidados e medidas de protección.

 Descoñezo, obviamente, se aquela predición foi unha simple especulación futurible, ou ben a constatación previsible derivada do modelo de convivencia no que estamos inmersos, no que impera o individualismo máis feroz, e sálvese quen poda.

 Máis escéptico foi o escritor Javier Marías  nos seus vaticinios sobre cal sería a actitude da cidadanía unha vez pasada a traxedia do Covid-19, deixándonos estas reflexións “ No quisiera añadir malos augurios, pero lamento sentirme escéptico y disentir de esta esperanza. Cuando la epidemia y tras un breve período de luto y de recuperación del ánimo, la alegría será tanta que conducirá velozmente al exceso y a los viejos hábitos. Los supervivientes (ojalá seamos casi todos) tomarán el episodio como un paréntesis fastidioso y fúnebre al principio; después, como una gran contrariedad que les hizo perder dinero y meses de viajes y actividad. Y demasiadas cosas volverán a su antiguo ser por una sencilla razón: ni la tristeza, ni la preocupación, ni el sufrimiento, ni el miedo, nos convierten en más inteligentes ni en más modestos ni en menos engreídos y codiciosos. Quizás si, momentáneamente y en algunos casos, en más solidarios y comprensivos. En algunos casos, insisto con pesar”.  Ironías da vida, Javier Marías tampouco puido sobrevivir aquela traxedia, apagándose prematuramente  a luz para un  grande das nosas letras.

 Aqueles primeiros tempos de confinamento obrigounos a mirar cara ao noso interior, cecais coma nunca o tiñamos feito; vimos a nosa faciana no fondo dos espellos, tristeira,  medoñenta e baleira de vaidade. Da noite para a mañá, as nosas vidas deron unha reviravolta. Alí quedaban afundidos os nosos plans para o día a día; fixámonos  nos detalles e elementos minuciosos dos intersticios dos nosos edificios comunitarios, aqueles espazos que non son fachada presuntuosa; pecibimos os olores e o latexo da nosa veciñanza, cos que a cotío nos cruzamos na rúa, ou mesmamente no ascensor, e que a duras penas saúdamos e, moito menos, coñecíamos; vimos como saían  as primeiras flores daquela árbore, feito que noutro tempo pasáranos desapercibido; abrímonos, se cadra, máis á beleza coa que nos agasalla a natureza; cecais tamén nos decatamos e dalgún xeito tomamos conciencia de que nos estabamos convertendo en cegos da vida; saímos aplaudir ao persoal sanitario que estaba salvando e protexendo as nosas vidas, xogándose a súa. Todo iso fixemos e, seguramente, estamos a esquecer ou xa o temos esquecido.

 Tamén chegou a noite máis escura, a morte de moitos dos nosos anciáns, eses seres entrañables e queridos que o deron todo por nós. E para meirande tristura e dor, tiveron que partir na súa derradeira viaxe, sen a presencia garimosa dos seus seres queridos, sen poder compartir ese leve sorriso de despedida cando a consciencia aínda o permite  no treito do  seu pasamento, xesto que resume tantas cousas e tantos sentimentos. Aquel sorriso que cobra intensidade e beleza naqueles versos de Pablo Neruda “… Cuando yo abro los ojos y los cierro, cuando mis pasos van, cuando vuelven mis pasos, niégame el pan el aire, la luz , la primavera, pero tu risa nunca porque me moriría “.

 A triste realidade superou as alegóricas palabras expresadas nestes versos, pois moitos dos nosos anciáns que estaban no atardecer da vida, non soamente se foron sen compartir aquel sorriso, sen ver a luz e a primavera, pois tamén lles negaron o aire necesario para o funcionamento dos seus pulmóns e da vida. E así chegou o pior que podemos ver, escoitar e sufrir nesta pandemia, tal como nos tiñan alertado.

 Gustaríame quedar detido naqueles benfeitos que engrandecen ao ser humano como tal; persoal sanitario e outros profesionais que se enfrentaron a aquela dramática situación, xogándose as súas vidas e, incluso, as das súas familias exercendo o seu labor profesional, con precarios medios de protección, adecuados e proporcionados aos riscos daquel virus contaxioso e mortífero. Mais ocultar ou minimizar a outra parte escura protagonizada en moitos casos por salientables persoeiros da vida pública, suporía deixar sen contraste as dúas realidades; persoeiros que polos seus cargos estaban chamados a dar exemplo coas súas condutas, actitudes e decisións, cousa que non tén sucedido en númerosos casos, utilizando aquela terrible situación en beneficio partidista ou incluso persoal e familiar, poñendo a vida dos seres máis febles en almoeda.

 É certo que a pandemia púxonos a todos e a todas a proba, aos rexidores e a toda a clase política de xeito especial; puidemos comprobar a febleza dos alicerces que terman do complexo constructo institucional, en moitos casos só ganduxados con puntadas longas que non resistiron a proba, abríndose as costuras polas que puidemos ollar as súas vergoñas, expresadas en auténticos actos de lesa decencia, retratando a moitos responsables políticos na súa xusta dimensión, chegando nalgúns casos á deshumanización dos seres máis vulnerables como foi o caso de moitos dos nosos anciáns. Vimos as fraquezas do noso sistema de saúde, do que tanto fachendeamos; tamén das políticas sociais, en moitos casos xestionadas e gobernadas por  “fondos buitre” en clave mercantilista, modelo impulsado polos defensores do neoliberalismo baixo a éxeda da liberdade, sistema que nos empobrece e anula como  individuos e persoas suxeitas de dereitos, a Comunidade de Madrid é un bo exemplo delo, aínda que os votantes da capital do Reino de España non den mostras de decatarse de tal inmoralidade, feito que evidencia a necesidade de mellorar e sanear a nosa calidade democrática en termos de cidadanía.

 Rescatando algúnhas manifestacións, traducidas en moitos casos en feitos desa parte máis escura á que antes aludía, feitos que como sociedade responsable e madura debería formar parte das nosas principais preocupacións, xa que dun xeito ou doutro, antes ou despois, van afectar ao noso futuro e posiblemente ao das xeneracións vindeiras. Por elo, é o noso deber actuar responsablemente, poñendo sobor da mesa aqueles feitos rexeitables que ensombrecen o noso presente e o porvir da humanidade. Por tal motivo e a modo de exemplo, cómpre subliñar algúns feitos e opinións protagonizados por salientables personalidades da vida pública,  algúns deles máis relacionados con condutas xenocidas que cos principios  que informan un Estado Social, Democrático e de Dereito tal como proclama a nosa Carta Magna, a saber:

 Existe un sorprendente comentario, con ampla difusión nas redes sociais e noutros medios de comunicación atribuídos a Chistine Lagarde, exdirectora xeral do Fondo Monetario Internacional (FMI), actualmente presidenta do Banco Central Europeo (BCE), exministra nos gobernos de Dominique de Villepin e de Francois Fillon, baixo a presidencia da República Francesa de Nicolás Sarkozy, considerada unha das mulleres máis influíntes do mundo, a que, presuntamente, manifestou “ Los ancianos viven demasiado y eso es un riesgo para la economía global. Tenemos que hacer algo, y ya “. Este preocupante comentario foi desmentido por algún voceiro do FMI e tamén polo gabinete de prensa  do BCE. Nembargante, ante a gravidade e transcendencia de tal comentario, resulta cando menos sorprendente que a afectada non se pronunciara ao respecto, deixando claro e sen sombra de dúbida o seu posicionamento ao respecto. Dito o cal, descoñezo, pois, a veracidade de tales palabras, mais a súa verosimilitude resulta coherente coa liña que vén amosando este organismo en materia do impacto financieiro por mor da lonxevidade. Léase o informe publicado por dito organismo en 2012.

 Suíza chegou ante a pandemia do coronavirus  a elaborar un protocolo polo que se establecía non ingresar a anciáns en Unidades de Coidados Intensivos en caso de saturación hospitalaria, priorizando en tal sentido tal tratamento a aquelas persoas  con posibilidades de recuperación, deixando á súa sorte a aqueles doentes que superaban a idade de 85 anos ou maiores de 75 que levaran asociadas outras doenzas. Estas medidas causaron o natural estupor ante a cidadanía helvética. Polas noticias de que dispoño, parece ser que non se chegou a aplicar.

  Tampouco podía faltar a este concurso a ignominia do expresidente dos EE UU, Donal Tramp, persoeiro perigoso que lle veu a dar pulo ao movemento ultra emerxente nestes tempos de crise e desmemoria, frivolizando coa dor humana de quen padecía  este virus mortal. Aínda gardo na miña retina a súa patética imaxe, botando músculo con un exhibicionismo ofensivo ante a cidadanía de haberlle gañado  a partida ao monstro que o atacara, comparando a súa historia persoal privilexiada ao común dos seus compatriotas, que nin tan sequera contan con un sistema público de saúde homologado a calquer país desenrolado. Todo isto sucedía no país máis poderoso do mundo, a América dos soños.

 Mais aquí no Reino de España tampouco fomos curtos, pois proliferamos tanto nos bos exemplos coma nos despropósitos máis vergoñentos, sobre todo no que atinxe a unha parte da nosa clase política. Nin a dramática situación de alarma que nos tocou vivir foi quen de aparcar as diferenzas na procura dos consensos necesarios e axuda mutua. Todo o contrario, utilizouse aquela situación para desgastar ao adversario, alongando cada vez máis a fenda da polarización. Vimos como as dereitas baixo a éxeda da suposta liberdade confrontaban co goberno de España, basicamente sobre as medidas implementadas para o estado de alarma, priorizando sempre a actividade económica ás medidas excepcionais de protección da saúde da poboación. Incluso a extrema dereita (VOX) chegou a presentar recurso ante o TC contra unha das medidas troncais máis eficaces, o confinamento. Curiosamente, o alto tribunal de garantías estimou aquel recurso. Como se salvar vidas non fora un ben xurídico superior a ter en conta!

  A  postura do señor Núñez Feijóo como presidente da Xunta de Galicia non foi unha excepción, as súas palabras pronunciadas ao socairo dunha das prórrogas do estado de alarma, foron elocuentes e descriptivas do que eran as súas prioridades, afirmando que, extender o estado de alarma ata o 9 de maio resulta demoledor para a confianza da economía  e para a reputación internacional de España, polo seu alarmismo, dixo. Cando o que realmente xeraba alarmismo eran os mortos que a cotío se contabilizaban nos hospitais e nas residencias do País.

 Parello a aquela situación dramática, tampouco podía faltar a corrupción máis despreciable, o agromar das dúas realidades enfrontadas, a do Quixote e a do Lazarillo de Tormes. Un asunto de plena actualidade aberto ao debate nacional, o repugnante caso “Koldo”  salpicando, ata o de agora, aos socialistas; antes foi o caso Luceño e Medina e, tamén un tal Tomás Díaz Ayuso, eses grandes de España que como di no seu libro o maxistrado Joaquín Boch, levan a patria na carteira. Ante tales feitos, o señor Almeida, alcalde da vila e corte de Madrid, coma un ser inmaculado e libre de culpa, ve a palla no ollo alleo, e non ve a viga no seu, pide dimisións arreo á esquerda, e esquécese da coima que á conta do erario público entregou a aqueles patriotas. Era unha comisión legal… dixo a xustiza. E aí morra o conto.

 Cando estou a esribir este relato, vénme á lembranza outro concepto de aplicación: o estraperlo. O estraperlo trouxo a este país moita desgraza e tamén moitos malos exemplos; fenómeno que emerxe regularmente cando a cidadanía sofre pobreza e necesidade dos recursos máis básicos, prendendo sempre naqueles nos que os principios éticos e outros valores non contan. Os tempos da fame da postguerra incívil,    (1936-1939), foron un bo exemplo delo, enriquecéndose uns poucos á conta da miseria e sufrimento da maioría. Esta actividade era exercida por persoiros afectos ao réxime, para os que se facía a vista gorda; pois no caso contrario, os riscos podían ser inconmensurables.

 Seguindo no eido dos malos exemplos, existe un antecedente  lonxano que figura nos libros de historia, acontecido na Segunda República española, aló polos anos 1934/1935, cando gobernaba a alianza de partidos centro-dereita, coñecida como segundo bienio radical-cedista, de corte conservador e tamén alcumada como “ bienio negro”, contrareformista do primeiro constituínte de esquerdas (1931-1933). O feito aconteceu por mor dunha concesión de xogos de azar, e as correspondentes trabadelas de políticos, familiares e amigos interpostos na operación lucrativa. Aquel escándalo costoulle a carreira política a Alejandro Lerrús, carreira que xa ía ter pouco percorrido, pois xa andaban os golpistas arranxando as súas ferramentas para a desfeita moral e material do país, cousa que lograron.

 Aquí na Gallaecia (pois non iamos ser menos), tamén tivemos outro caso por mor dunha concesión de xogo. Sucedeu no goberno conservador do Dr. Fernández Albor, a vítima, o seu vicepresidente Xosé Luís Barreiro Rivas, o tribuno mellor armado naqueles tempos en que a política institucional de Galiza comezaba a dar os seus primeiros pasos. Segundo algunhas opinións, aquilo foi unha vinganza da dereita  para amolar ao de Forcarei polo  parricidio político do seu presidente;  rematando de tal xeito a súa carreira política, tal como llo tiña xurado o seu postulador, don Manuel Fraga Iribarne, nome que aínda lle remexe  o entripado  ao  de Forcarei. Agora anda na escrita e no camiño de volta.

 Como podemos ver, prezado lector/a, os tempos cambian, mais os vicios prevalecen.

 Despois deste inciso e voltando aos piores días da pandemia, o feito máis grave pola súa transcendencia e efectos luctuosos e que  merece unha reflexión á parte, como foi o sucedido naquelas residencias para maiores de Madrid, nas que, presuntamente, se lles negou a moitos e a moitas residentes a asistencia hospitalaria que precisaban  para seguir mantendo as súas vidas e aliviar a súa dor, cos medios adecuados ao seu estado clínico, conculcando de tal xeito o dereito de protección á saúde establecido nas nosas leis, pois uns malditos protocolos elaborados polo goberno da señora Ayuso impedíanlles tal auxilio. Non será este cronista quen determine  a calificación puníbel de tales feitos, pois corresponde e é deber da xustiza. Nembargante, se se acreditan e proban as premisas que motivan as demandas que os familiares das vítimas están presentando ante os xulgados de Madrid, poderiamos asegurar, sen incorrer en esaxeración que, pola súa magnitude e natureza dos feitos en termos de vulneración dos dereitos humanos, estariamos, sen lugar a dúbida, ante o feito máis grave ocurrido en España no vixente período democrático.

 As presuntas prácticas e medidas implementadas por aquel sistema cruel serían inauditas nun Estado de Dereito coma o noso, no que a súa observancia e interpretación  relativa aos dereitos fundamentais e liberdades recoñecidos na Constitución será conforme á Declaración Universal dos Dereitos Humanos e aos tratados e acordos internacionais ratificados por España, cuxa materia é profusa e garante.

 Resumindo os dereitos, presuntamente, vulnerados a aquelas persoas, para as que só cómpre pedir xustiza e recoñecemento do dano causado, pois a reparación xa non é posíbel máis aló da memoria e sentimento na que debemos gardar tales feitos para non volver a incorrer neles; dilucidar as responsabiliddes que correspondan, evitando de tal xeito a impunidade dos presuntos feitos delictivos que se puideron cometer.

 Sobre tal teor e ante a magnitude e natureza de tales feitos, resulta sorprendente que o Ministerio Público non abrira de oficio unha investigación, erixíndose en representación e defensa de quen xa non pode facelo; unha competencia e un deber deste órgano constitucional integrado con autonomía funcional no Poder Xudicial, co obxecto de promover a acción da xustiza na defensa da legalidade e dos dereitos dos cidadáns e do interese público. Convén lembralo.

 O que non se lle pode reprochar á presidenta madrileña é a falla de claridade nas súas posicións, por moi arriscadas que estas sexan. Nas explicacións e xustificacións sobre a pandemia, entre a ousadía e a insolencia que a caracterizan, que son para tremer, deixou sentados conceptos e principios que non deixaron lugar a dúbidas de cales eran e son os seus valores e as súas prioridades á hora de tomar decisións. Referíndose ao confinamento, chegou a dicir “ No se trata de confinar al 100% de los ciudadanos para que el 1% se curen”. Branco e en botella, á señora Ayuso non lle preocupaban os mortos.

 O pasado 15 de febreiro ante a Asamblea de Madrid, deixounos outra perla, na que non amosaba dúbida nin arrepentimento sobre os métodos empregados naquela crise “ Cuando una persona maior estaba gravemente enferma, con el Covid, con la carga viral que había entonces, no se salvaba en ningún sitio”, sentenciou.

Como podemos ver, esta señora sitúase por enriba do ben e do mal, da ciencia médica e de toda a comunidade científica, de quen debe morrer e quen debe salvarse. Unha teoría na que podemos atopar paralelismos cos feitos máis nefandos do pasado século XX, con persoeiros que deixaron as páxinas máis luctuosas da historia.

 A nivel de resumo e sen pretender entrar nunha análise máis fonda da que son merecentes tales feitos, en termos dos dereitos vulnerados a aquelas persoas, cómpre invocar os principais preceptos constitucionais de aplicación: o artígo 10.1 pronúnciase do seguinte xeito “ A dignidade da persoa, os dereitos inviolables que lle son inherentes, o libre desenrolo da personalidade, o respecto á lei e aos dereitos dos demais son fundamento da orde política e da paz social “ . O punto 2, dinos “ As normas relativas aos dereitos fundamentais e ás liberdades que a Constitución recoñece interpretaranse de conformidade coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos e dos tratados e acordos internacionais sobre as mesmas materias ratificados por España.

 Ningunha dúbida ofrece que a dignidade daquelas persoas en ningún momento foi tida en conta, pois as decisións tomadas sobre elas son altamente reveladoras.

 O artigo 15, expresa “ Todos teñen dereito á vida e á integridade física e moral, sen que, en ningún caso, podan ser sometidos a tortura nin a penas ou tratos inhumanos ou degradantes”. Respectáronse estes dereitos no caso daquelas persoas? Coido que non, pois non se respectou a súa integridade física e moral, e o feito de non proporcionarlles a asistencia hospitalaria necesaria constitúen un trato inhumano,  degradante e, en moitos casos, con resultado de morte.

 O artigo 43.1, di Recoñécese o dereito á protección da saúde.

2. Compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través das medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios. A lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto”.  Respectáronse os dereitos e cumpríronse os deberes de quen tutelaba ás persoas  afectadas polo Covid nas residencias? Resposta que deixo a beneficio dos familiares e dos lectores e lectoras que tiveron a consideración de ler este longo artigo.

 O artigo 14, que debería operar como válvula de peche e blindaxe para a garantía efectiva da igualdade de todos e todas nos seus dereitos, evitando a discriminación por razón  de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, entre as que cómpre incluír a idade e a de vivir tutelado/a de facto nunha residencia pública ou privada.

 O cumprimento e facer cumprir a Constitutución de todo cargo público e institucional, despois de ser un deber, é a meirande acreditación definitoria do seu constitucionalismo, pois a simple invocación sen outra testemuña dos feitos baleira de contido tal invocación. Motivo polo que cando contemplamos feitos de incumprimento do teor exposto sobre persoas en estado de vulnerabilidade, resulta pouco creíble calquera definición ao respecto, quedando reducido tal acervo á Carta Magna ao lucimento de determinados actos solemnes, logo de prescindir dos seus valores.

 Pola súa transcendencia e efectos, cómpre rematar este artigo cunha breve referencia aos xa mentados protocolos, elaborados e postos en práctica polo goberno de Madrid nos piores días da pandemia, os que trouxeron moita dor e sufrimento ás vítimas e familiares, os que, dalgún xeito, víronse impotentes ante aquela traxedia humanitaria cos seus seres queridos. Unha espada de Damocles que pende sobre a conciencia e a responsabilidade do goberno que implementou e puxo en práctica aquelas inhumanas medidas, as que, como puidemos ver, puideron ser o instrumento de presuntas ilegalidades e flagrantes delitos, feito que corresponde á xustiza a súa ponderación e determinación.

 Mais aquel método do modus operandi agocha e encarna todo un corpus de doutrina filosófica baseada no utilitarismo, unha teoría que considerabamos fenecida nunha sociedade moderna e incompatible cun Estado Social, Democrático e de Dereito, por resultar claramente inhumana e discriminatoria en función da utilidade da persoa e non das súas necesidades intrínsecas, como era a atención da saúde e humanitaria no caso que nos ocupa.

 Estou seguro que a señora Ayuso non foi consciente da transcendencia filosófica que agochaba tal medida, pois máis aló da xerga na que  desenvolve a súa acción política, non vexo á señora presidenta perder o seu prezado tempo en cuestións filosóficas, pois como podemos ver, os asuntos suntuosos son a súa principal vocación.

 O utilitarismo non é, pois, unha invención do que suscribe, senón, como xa teño dito, unha teoría filosófica decimonónica, da que foi o seu fundador o filósofo moral inglés Jeremuy Bentham (1748-1832), teoría tal como nos define o profesor da Universidade de Harvard Michael J. Sandel,… o principio da moral consiste en maximizar a felicidade, en maximizar a medida na que, unha vez sumado todo, o pracer sobrepasa á dor. Según Bentham, debe facerse aquilo que maximice a utilidade. Por “utilidade” entendía calquera cousa que producira pracer ou felicidade e calquera que evitara a dor e o sufrimento”.

 Non cabe dúbida que a señora Ayuso, pola súa intuición natural atopou neste camiño a felicidade e o pracer para os seus súbditos aptos para compartir tal éxtase de emoción, e aí o seu éxito entre os taberneiros do Madrid da troula. E aos que non podan compartir esa ledicia, aplícaselles o protocolo.

 Descoñezo se os madrileños e madrileñas que lle votan maioritariamente a esta lideresa, cavilaron algunha vez, se un día chegan a vellos, que lles agarda? E se xa o son, o asunto é máis grave.

 Como é obvio, un servidor non é de Madrid, aínda que aquí na Gallaecia, tampouco andamos a tirar foguetes.

 Deica outro día!!!    

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario