O pasado venres, a concelleira do BNG, Avia Veira, presentou un recurso de reposición para que a Alcaldía levantase o veto que lle impediu acceder a uns expedientes urbanísticos relativos a un piso do inmóbel situado no número 96 da Avenida do Exército
A concelleira presentouse o pasado mércores 13 de marzo nas dependencias de Urbanismo para que se lle facilitasen eses expedientes, acceso ao que tiña dereito, por silencio administrativo positivo, ao ter transcorrido xa o prazo de 5 días naturais desde o momento en que o solicitara (fíxoo o día 6 de marzo).
Ese mércores 13 de marzo, e por instrucións da Alcaldía, foille denegado á nosa concelleira o acceso aos expedientes, o que constitúe “unha clara conculcación dos meus dereitos fundamentais tal e como veñen regulados na Lei Reguladora de Bases do Réxime Local e no propio Regulamento de Organización e Funcións do Concello”.
“Está claro”, avalía Veira, “que a alcaldesa ten algo que agochar nese expediente, sendo que xa transcorreron 12 días desde que solicitamos o acceso e, polo tanto, hai practicamente xa unha semana que estamos autorizados [pola lexislación vixente] a velo”.
O silencio administrativo positivo prodúcese desde o momento en que, transcorridos os cinco días naturais desde a solicitude, a Alcaldía nin denegou o acceso nin o condicionou nin o adiou.
Expirado ese prazo, o acceso ten que ser libre e inmediato e non pode ser nin condicionado nin adiado, de acordo coa xurisprudencia existente ao respecto, cunha sentenza moi clara nese sentido do Tribunal Superior de Xustiza de Castela e A Mancha.
“A alcaldesa ten que cumprir coa legalidade e facelo xa. Se non o facer, este grupo municipal e esta concelleira farán valer os seus dereitos fundamentais como representante pública até as últimas consecuencias e recorreremos a todos os órganos posíbeis para garantir a materialización do noso dereito a acceder aos expedientes”.