O Plan Único da Deputación financia unha nova fase das obras de humanización da rúa da Capela, en Outes

por Redacción A Coruña

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 8 de abril

O Plan Único da Deputación da Coruña financia unha nova fase das obras de humanización da rúa da Capela, en Outes.

O Concello de Outes vén de publicar a licitación das obras na Plataforma de Contratación do Sector Público, cun orzamento de 103.438 euros financiados ao 100% con fondos do Plan Único (POS+2023).

As obras darán continuidade ao proxecto de humanización iniciado nesta céntrica rúa, que dá acceso a servizos como o centro de sáude, creando e ampliando beirarrúas en ambas marxes, delimitadas con bordo de granito e con baldosa de formigón vibrado granallada, ofrecendo un espazo máis amplo e seguro para a circulación peonil.

O proxecto inclúe tamén a renovación da capa de rodaxe da estrada, cunha superficie total de 150 metros cadrados, e dos aparcamentos, previa demolición do pavimento actual.

Inclúese tamén a renovación de servizos, coa canalización subterránea de saneamento e abastecemento de auga, electricidade, telefonía e alumeado, así como a recollida de pluviais.

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 8 de abril.

Con cargo a este proxecto financiarase tamén obras de pavimentación de dous tramos de 400 e 185 metros do camiño da Grela, en Cando, que incluirá o rebacheado, limpeza de gabias e perfilado das mordentes e o tratamento asfáltico para renovar o firme.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario