O pasado 3 de abril deu comezo unha nova tempada de “Universo Sostenible” na segunda canle da TVE, dentro do programa “ La Aventura del Saber”
O pasado 3 de abril deu comezo a sétima tempada de “Universo Sostenible”, contido incluído dentro do programa “La Aventura del Saber” da segunda canle da TVE. Os nove capítulos que compoñen esta sétima tempada coproducida por Crue Universidades Españolas e capitaneada pola Universitat de València, tamén poderán verse nas plataformas web das 26 universidades participantes (e á súa vez coproductoras).
Os temas que tratará esta nova etapa serán moi diversos, tocando temáticas tan variadas como a covid persistente, a impresión 3D, a medicina da complexidade, o uso de madeira como material sostible, a microbiota, as enfermidades cutáneas, o lixo espacial ou a restauración dos ecosistemas degradados.
Do mesmo xeito que nas anteriores edicións, distintas persoas da comunidade científica explicarán de maneira sinxela as claves dos avances nos proxectos de investigación relacionados cos progresos tecnolóxicos que terán un impacto importante nun futuro próximo.
Por parte da Universidade da Coruña, esta edición contará con Jaime Fagúndez, docente do Departamento de Bioloxía, que será o primeiro dos investigadores da Universidade da Coruña en participar, no capítulo de mañá, mércores día 10 de abril; e Adina Dumitru, profesora do Departamento de Psicoloxía; que falará sobre a restauración dos ecosistemas degradados no capítulo do vindeiro día 5 de xuño.
O proxecto Universo Sostible é o resultado dunha coprodución dos servizos de audiovisuais e as unidades de comunicación científica de 26 universidades pertencentes a Crue Universidades Españolas: Universitat Autònoma Barcelona, Universitat de Barcelona, Universidade de Cantabria, Universidade Católica de Murcia (UCAM), Universidade de Castela-A Mancha, Universidade de Córdoba, Universidade da Coruña, Universidade a Distancia de Madrid (UDIMA), Universidade de Estremadura, Universitat de lles Illes Balears, Universidade Internacional de Andalucía (UNIA), Universidade da Lagoa, Universidade de León, UNED, Universidade de Málaga, Universidade Miguel Hernández de Elxe, Universidade Nebrija, Universidade Politécnica de Cartaxena, Universitat Politècnica de València, Universidade Politécnica de Madrid, Universidade de Salamanca, Universidade de Santiago Compostela, Universidade de Sevilla, Universitat de València, Universidade de Valladolid e Universidade de Vigo
O programa «A Aventura do Saber» busca profundar na transmisión á cidadanía dun coñecemento rigoroso da realidade para que esta sexa máis crítica e responsable nas súas decisións. Doutra banda, este novo proxecto transmedia permitirá tamén coñecer a reacción da cidadanía ante os proxectos científicos presentados.