A alcaldesa visitou este espazo, situado no barrio de Novo Mesoiro, tras finalizar os traballos, e avanzou que nas vindeiras semanas comezará a instalación do alumeado na pista de patinaxe do mesmo barrio
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acudiu esta mañá a pista de fútbol Cruyff Court, no barrio de Novo Mesoiro, para supervisar os traballos levados a cabo polo Concello para renovar de forma íntegra o céspede artificial. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.
Esta instalación abriuse ao uso e gozo da cidadanía hai máis de dez anos, na contorna do pavillón polideportivo municipal situado na rúa dos Ancares. Cofinanciouse no seu momento polo Concello e a Fundación Johan Cruyff, impulsores dun proxecto que, desde os seus inicios, tamén abriu camiño á posta en marcha de competicións de fútbol base e campionatos en modalidades como o fútbol 6×6, por exemplo.
“Esta é unha instalación cun uso diario intensivo e este Goberno municipal quixo que os seus usuarios e usuarias poidan gozar dela en óptimas condicións”, indicou Inés Rey. Esta actuación dálle continuidade ao plan de renovación das infraestruturas deportivas da Coruña coa substitución do tapete de herba artificial da Cruyff Court, unha instalación inspirada nos primeiros campos construídos pola Fundación Johan Cruyff no ano 2003, nos Países Baixos, e que foi a primeira infraestruturas destas características que o exxogador proxectou fóra de Cataluña.
As dimensións do campo de xogo son de 42×28 metros, superficie de herba artificial que foi substituída ante a erosión experimentada co paso do tempo, polo uso habitual da instalación, de acceso libre e empregada por centos de rapaces e rapazas do barrio de Novo Mesoiro. “Seguiremos a avanzar na modernización das nosas infraestruturas deportivas, apostando pola práctica do deporte ao aire libre entre persoas de todas as idades e polas instalacións municipais dos nosos barrios, que dan apoio ao desenvolvemento de hábitos de vida saudables”, indicou Inés Rey.