Todos somos especialistas en criticar o que fan os demais, ou en entender que o que facemos nós é o único axeitado e así debera proceder o resto do mundo. Pero ás veces non todo consiste na lóxica, tamén existen as razóns que escapan á tabla matemática e sinxelamente nacen dentro de cada quen polos motivos que sexan, sen que iso teña que supoñer pedir perdón ou sentir vergonza porque onde vives tamén hai equipos e resulta que non lles prestas tan fervorosa paixón.
Eu son do Real Madrid desde que lembro ter uso de razón, quizais na pubertade, cando aínda podo verme tirada no corredor do sobrado da casa dos meus pais escoitando a radio nas noites de Copa de Europa porque daquela non se televisaban, e o medo escénico do Bernabéu chegaba únicamente a través das ondas a miña aldea. Non era consciente nese tempo de que existisen o Depor ou Celta, pero si ía ao campo do Fisterra todos os domingos, era socia e vino na Terceira División á que tardarían despois tantos anos en volver. Sigo facendo o mesmo, indo aos campos da Costa e sendo do Madrid corenta anos despois, non vexo porque debera deixar de facelo. Tamén fun a Riazor e a Balaídos e alégrome das súas vitorias e canto éxito colleiten, pero non me sinto acomplexada por declararme, por enriba de todo, madridista. Porque é co que nacín, coa foto de Santillana na mesiña de noite coma outros teñen a do primeiro amor, e tamén vivín finais perdidas, os dous batacazos en Tenerife e tardei trinta e un anos en ver a primeira Champions, algo que xa pensaba que nunca pasaría, pero os tempos foron chegados por fin. Agora, todo parece máis fácil, pero ser do Madrid non é ser do que gaña: é ser do que amas. E a iso non vou renunciar nunca.