Tradición amarela. Por @DulceCorcu

Porque tradicional xa é atopar á Escola Deportiva Municipal de Ponteceso nas fases finais de Fútbol Sala, sendo esta tempada os únicos que tanto na categoría «Benxamín» como na «Alevín» desputarán no Pavillón de Cee este vindeiro catro de maio o «Play Off» da Fase Comarcal. Tamén o equipo «Infantil» terá a súa propia desputa en Outes no concurso Interprovincial, dando conta un ano máis do traballo tanto do Concello pontecesán como de Jose Barca, lonxevo adestrador con case catorce anos -ininterrompidos- á fronte duns equipos que levan o seu selo inconfundible á hora de aprender, sempre baixo o común denominador da deportividade e o esforzo a prol do equipo.

Repartidos entre os pavillóns de Corme e Ponteceso, dous días á semana adestran sobre a pista e os venres saen a xogar o partido semanal dunha competición que xa está a converterse nun clásico na Costa da Morte, onde o Futsal cada vez cobra maior protagonismo. Barca ten contado nalgún tempo con axuda nestas labouras como a prestada por Curro, con quen xa fora compañeiro no Vila de Pondal Feminino (tamén en Sala) e actualmente adestrador do Ponteceso igualmente feminino pero xa en F-11. 

En definitiva, alguén que coñece moi ben todo o que se xoga baixo teito, que ve pasar xeracións de xogadores que despois nutrirán e darán lustre a outras competicións, preparados e comprometidos tal e como Barca ensina desde o mesmo berce. Toda unha estirpe amarela á conquista dun parqué no que a Escola Deportiva de Ponteceso é referente e espello para os que están e, especialmente, para os que virán detrás. 

Fotografías: Jose Barca cos equipos Benxamín e Alevín da Escola Deportiva Municipal de Ponteceso.

Comparte éste artículo
No hay comentarios