A iniciativa fora acordada na última reunión da mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero
A educadora social do servizo municipal de educación e apoio familiar e a técnica de igualdade do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha impartiron ao profesorado do CEIP Otero Pedrayo unha xornada formativa centrada no maltrato na infancia e na adolescencia.
A iniciativa levouse a cabo cos obxectivos de reforzar a coordinación entre o colexio e o Concello mediante a exposición dos indicadores dos distintos tipos de desprotección existentes nos ámbitos da violencia de xénero e do maltrato infantil, a explicación do procedemento de actuación ante a sospeita da existencia dun caso de desprotección, a importancia dunha comunicación fluída entre os sectores implicados na atención a menores (centro de ensino, Servizos Sociais e CIM) e a relevancia das actuacións de prevención que se levan a cabo e do coñecemento dos diferentes recursos públicos aos que poden acudir as vítimas.
O desenvolvemento desta acción formativa fora un dos acordos tomados na última reunión da mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, que conta con representación do Concello, os centros de ensino, as forzas e corpos de seguridade e o centro médico da Laracha.
Precisamente unha iniciativa de similares características xa foi realizada recentemente no centro de saúde da Laracha.
O Concello agradece e valora a continua colaboración de todos os sectores profesionais implicados que favorece a coordinación ante estas problemáticas e optimiza a atención integral ás vítimas e a prevención ante situacións de vulnerabilidade para beneficio xeral da cidadanía larachesa.