CLUN e FEFRIGA asinan un convenio para fomentar a vocación pola gandeiría entre a xente moza

por Redacción Galicia

A cooperativa asinou o convenio co que formaliza o apoio ás principais iniciativas do Club Xóvenes Gandeiros: os Campionatos de Manexadores e a Escola de Xóvenes Gandeiros

A cooperativa rural galega CLUN continúa apoiando e impulsando iniciativas que garantan o futuro da gandería galega e promovan o medio rural como unha contorna competitiva, innovadora, sostible e saudable para vivir. Neste contexto, a cooperativa CLUN e FEFRIGA (Federación de Frisona de Galicia), asinaron onte o convenio de colaboración polo que a cooperativa patrocina os concursos de novos manexadores e preparadores e a escola de xóvenes gandeiros.

No acto de sinatura, que tivo lugar na sede de CLUN en Ames, rubricaron o acordo o presidente de CLUN, José Ángel Blanco e o presidente de AFRICOR Lugo e de FEFRIGA, Manuel  Sandamil. Estiveron acompañados polos presidentes de AFRICOR de A Coruña e de Pontevedra, Fernando Suárez y Jesús Manuel Manteiga e por parte do equipo directivo de CLUN o director de Agro-gandeira, Ángel Miranda, e a de Marketing, Jessica Rey, quen fixo unha presentación da cooperativa. Seguidamente o grupo realizou unha visita ás instalacións da fábrica de leite de FEIRACO.

O presidente de CLUN e de FEFRIGA coincidiron en valorar moi positivamente esta sinatura e a implicación de ambas entidades no asentamento de poboación no rural en Galicia: “queremos que os nosos fillos e netos, en moito casos, poidan seguir coa nosa actividade. Esperamos que esta sinatura continúe e se incremente nun futuro”, explicou Manuel Sandamil quen engadiu: “esperamos que esta aportación sirva para incrementar as actividades cos rapaces dende a Federación e así trasladarlles o gusto polo rural”. Precisamente neste sentir coincidiu co presidente de CLUN, José Ángel Blanco, quen manifestou o compromiso desta cooperativa co rural, co sector lácteo e con todo o sector primario galego: “É importante para nós reivindicar o rural, que a mocidade coñeza ben este traballo para construír unha canteira, en definitiva, un relevo xeracional”, de feito, o presidente lembrou que “son fillos de gandeiros e queremos axudarlles a que haxa futuro para eles nas explotacións”.

O relevo xeracional é un dos maiores retos que ten o sector gandeiro galego, xa que cada vez máis explotacións pechan as súas portas por falta de relevo xeracional, tras a xubilacións dos seus propietarios. De feito, segundo datos de Eurostat, entre o 2005 e o 2020 pecharon en Galicia máis de 16.000 explotacións.

Por iso, esta cooperativa ten como un dos seus compromisos fundacionais a creación e apoio de proxectos e iniciativas que garantan o futuro do sector. Con iniciativas como a creación do primeiro ciclo superior de FP Dual en “Gandería e asistencia en Sanidade Animal”, en colaboración co IES de Melide, que está permitindo a formación de novos profesionais cualificados para o traballo en ganderías. Esta facilitará a conciliación e permitirá lograr explotacións viables e máis competitivas no futuro. Outro exemplo é “Hábitat rural”, un proxecto solidario de CLUN e Ecos do Sur no que dez persoas migrantes seleccionadas por esta ONG participaron en formacións sobre muxido e fixeron prácticas en ganderías da cooperativas. Un programa que facilitou a integración de catro desas persoas que continúan a día de hoxe traballando nas ganderías.

Convenio co Club de Xóvenes Gandeiros

Neste compromiso co futuro do campo galego e coa mocidade enmárcase o convenio asinado, polo cal CLUN patrocinará os concursos de preparadores e manexadores que organice o Club de Xóvenes Gandeiros ao abeiro dos certames da Federación Frisona Galega (FEFRIGA) como xa foron o celebrado en Santa Comba e Muimenta e proximamente en Feiradeza. Uns torneos nos que participan mozos e mozas de idades comprendidas entre os 8 e os 25 anos, e cuxos finalistas viaxarán a un torneo internacional en Bruxelas.

A maiores, ambas entidades colaborarán na formación de gandeiros e gandeiras a través da Escola de Xóvenes Preparadores, un campamento de verán que se desenvolve en Lalín e que ten como obxectivo formar ao redor de sesenta mozos e mozas gandeiros procedentes de toda Galicia e outras comunidades. Coa súa participación neste campus, esta formación busca brindarlles a estes mozos e mozas os coñecementos prácticos esenciais para o coidado e manexo de animais, ofrecendo aos participantes unha experiencia formativa enriquecedora e ilusionante que contribúa ao desenvolvemento sostible do sector.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario