A Feira de Cultivos do Baixo Miño quenta motores para repetir o éxito de público do 2023. Organizada pola Asociación de Cultivos do baixo Miño e o Concello de Tomiño, a feira mantén a súa aposta polo formato ao aire libre e por tres días de encontro desfrutando do espazo público e levando as principais novidades dos sectores da planta, froita, flor, horta e subministros á rúa.
Deste xeito, a XIX Feira de Cultivos do Baixo Miño celebrarase do 7 ao 9 de xuño na renovada Praza Pintor Antonio Fernández de Goián, un espazo ao aire libre que brinda un ambiente único tanto para expositores como para o público para gozar da cita máis importante do sector do viveirismo en Galicia, como demostrou o éxito acadado na pasada edición.