A muralista Lidia Cao é a encargada de realizar a peza na que se representa unha composición de dúas imaxes da poeta coruñesa
O Paseo Marítimo da Coruña contará cun mural dedicado á escritora coruñesa Luísa Villalta. A alcaldesa, Inés Rey, interviu na presentación da acción cultural promovida por Gadis en colaboración co Concello da Coruña. «Hoxe damos un paso máis na reivindicación da figura de Luísa Villalta, escritora coruñesa de referencia á que este ano lle dedicamos o día das Letras Galegas 2024», explicou. Estivo acompañada por José Luis Fernández Astray, director de Comunicación de GADISA retail; Alexandra Kuntz, coordinadora de Marketing Dixital e Contidos de GADISA; Lidia Cao, muralista; xunto con Susana Villalta, María Gómez e Carolina Rouco, irmá, nai e sobriña da escritora.
Esta acción súmase ás postas en marcha polo Concello con motivo da efeméride en colaboración con outras administracións e entidades co obxectivo de difundir a obra e figura de Villalta. A alcaldesa destacou a importancia de contar con Lidia Cao como muralista a quen definiu como «muller artista e referente en Galicia». A acción avanza na liña marcada pola alcaldesa no pasado mandato co mural de Diego As ou o festival istmo con seis murais localizados en diferentes puntos da cidade.
Rey explicou que a cidade da Coruña deixou pegada na vida persoal e traxectoria literaria de Luísa Villalta: «A súa alma era profundamente atlántica e dende o ano 2004, esa alma fica por sempre mirando ao océano dende Santo Amaro», indicou a alcaldesa, situando esta acción como unha homenaxe á relación entre a escritora e a cidade atlántica. «A partir de hoxe a súa mirada quedará tatuada na pétrea pel deste Paseo Marítimo, o lugar dende o que todos os coruñeses e coruñesas miramos ao mar, facéndolle honra á pegada que a súa Cidade Alta lle deixou», concluíu.
Rey agradeceulle a Gadis o impulso á acción artística e puxo en valor a colaboración público-privada na cidade para a aposta en marcha de proxectos e iniciativas sociais e artísticas.
Máis detalles sobre o mural
O mural, localizado na zona das Lagoas, é obra da artista Lidia Cao, destacada polo seu estilo persoal e cuxas obras teñen xa espazos en diferentes localidades galegas. O prazo de execución previsto de entre sete e dez días, en función da meteoroloxía.
Trátase dunha peza de 5 metros de alto e 7 de ancho realizada con pintura plástica exterior. Nela represéntase unha composición de dúas imaxes da escritora. Unha sentada enriba dun montón de libros cun caravel na man do mesmo cor que as páxinas dos libros, simbolizando a vertente crítica e política de Villalta. Co predominio do azul e o mar tanto no fondo como na vestimenta da escritora. Esta conxúgase cunha imaxe en primeiro plano de Luísa, no que se representan as súas faccións e mirada tan características e persoais da escitora.
A localización escollida por Gadis en colaboración do Concello da Coruña, está pensada para que milleiros de persoas poidan visualizar o mural nunha zona moi transitada como é o Paseo Marítimo.