Os concelleiros do PP de Sarria piden solución ás necesidades de reparación, mantemento e melloras nas instalacións deportivas municipais

por Redacción Lugo

A voceira, Carmen José López, advirte que «moitas destas instalacións presentan un deterioro evidente fronte ao cal o goberno municipal semella non ter vontade de actuar, xa que se trata de deficiencias que se alongan no tempo»

O Grupo Municipal do Partido Popular esixe dar solución ás necesidades de reparación, mantemento e melloras específicas das instalacións deportivas municipais. Con ese obxectivo, os populares defenderán no pleno deste xoves unha iniciativa coa que instar ao goberno local de Camiña Sarria a levar a cabo unha avaliación do seu estado para identificar as necesidades que “son obvias en moitos casos”.

As instalacións deportivas municipais son elementos esenciais para fomentar a saúde e o benestar e tamén o ocio e a cohesión social porque ofrecen espazos para desenvolver distintas actividades físicas e diversas disciplinas deportivas da man de clubs, asociacións e escolas deportivas que realizan “unha intensa e valiosa actividade coa que dinamizar o territorio” e que precisamente nesta tempada amosaron de forma especial o grande nivel dos equipos sarriaos nas súas respectivas disciplinas.

Non obstante, segundo advirte a portavoz, Carmen José López, “vemos como moitas destas instalacións non están á altura do noso deporte e presentan un deterioro evidente fronte ao cal o goberno municipal semella non ter vontade de actuar, xa que se trata de deficiencias que se alongan no tempo”.

“Algunhas mostras desta realidade” son as goteiras do pavillón novo do Chanto, o mal estado do firme do acceso ao aparcamento desta infraestrutura, así como o deterioro das pistas descubertas ou as goteiras, humidades e condensación existentes tamén no pavillón de Oural; ademais do estado descoidado da contorna do estadio municipal de Ribela.

Ante esta situación, os concelleiros do Partido Popular consideran “urxente e necesario adoptar medidas para o mantemento e mellora das instalacións deportivas municipais co fin de garantir espazos de calidade e axeitados para a práctica deportiva”. Concretamente, cren que “resulta necesario proceder a realizar unha avaliación do estado das instalacións deportivas municipais, identificando necesidades de reparación, mantemento e melloras específicas en cada unha delas”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario