A candidata nº 3 do BNG ás eleccións europeas, Mar Pérez Fra, e o historiador e analista internacional, Duarte Correa, participaron na charla-coloquio celebrada esta tarde no Centro Social Uxío Novoneyra que se centrou na visión fronte á situación da Unión Europea e a súa deriva militarista, facendo especial fincapé na necesidade dunha alternativa pola paz e o antimilitarismo.
Desde a creación da Unión Europea, o BNG denunciou en reiteradas ocasións que a súa razón de ser é como instrumento ao servizo dos intereses do gran capital, e que persegue como principal obxectivo facilitar o proceso de concentración e centralización capitalista no ámbito europeo. Neste contexto, segundo Pérez Fra, «produciuse unha rápida involución que se verificou ao longo dos últimos anos, cun notábel aumento do belicismo como reflexo do papel cada vez máis subordinado dos estados membros ao servizo dos intereses imperialistas liderados polos EUA». Isto, insiste a candidata do BNG, non fai máis que volver ratificar o acerto da análise e posición histórica do nacionalismo galego ao se opor ao denominado proceso de ‘construción europea’.
Mar Pérez Fra indicou que o BNG seguirá defendendo nas institucións europeas unha política e unhas relacións internacionais baseadas na paz, na solidariedade e no multilateralismo na relación en pé de igualdade entre pobos. «Seremos garante da defensa dos principios democráticos, da soberanía e independencia dos pobos, da paz, do antimilitarismo, dos dereitos humanos, da xustiza e da cooperación entre os pobos, co pacifismo e o antimilitarismo como bandeira», insistiu a candidata do BNG.
Tamén considerou prioritaria a presenza de Galiza en todas as institucións onde se tomen decisións fundamentais para o futuro do Pobo e da súa soberanía, e deixou claro que «Ana Miranda é o actual e principal altofalante dos intereses xerais das galegas e galegos e de Galiza como nación diferenciada». Malia as carencias democráticas e de transparencia inherentes á Unión Europea, a presenza do partido nas institucións europeas é unha ferramenta ao servizo do pobo galego, defendendo a capacidade produtiva de Galiza, a xeración de emprego digno e a creación de riqueza sempre atendendo aos intereses xerais das galegas e galegos, explicou Pérez Fra.