A Xunta adquire 22 parcelas nas Fragas do Eume e eleva en case 12 hectáreas a superficie de titularidade pública

por Redacción Galicia

As fincas repártense entre os concellos de Monfero, A Capela e Cabanas e elevan o espazo non adscrito a propietarios privados a arredor de 1.840 hectáreas

A Xunta de Galicia consumou hoxe a adquisición dun segundo lote de 22 parcelas de titularidade privada, cunha superficie de preto de 11,6 hectáreas repartida entre os concellos de Monfero (13), A Capela (oito) e unha en Cabanas. Estas fincas pasan a formar parte dos terreos propiedade pública do Parque Natural Fragas do Eume, que suman arredor de 1.840 hectáreas.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asinou hoxe a escritura de compravenda desas 22 propiedades que se engaden a outras seis adquiridas en febreiro -repartidas entre os concellos de Cabanas, As Pontes de García Rodríguez e Monfero- cunha superficie total de preto de cinco hectáreas.

A responsable autonómica explicou que este espazo natural conta xa cun Plan de uso e xestión e que o obxectivo da compra destes terreos é realizar actuacións de conservación e restauración de zonas de máximo interese desde o punto de vista ecolóxico eliminando e retirando especies invasoras e mellorando a continuidade das masas de frondosas autóctonas.

Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta habilitou un orzamento de 1,1 millóns de euros para afrontar este tipo de adquisicións e que ten localizadas unhas 400 parcelas -que suman 200 hectáreas- para avaliar a súa posible compra. De feito, está previsto adquirir un terceiro lote nos vindeiros meses de arredor de 40 hectáreas -do que os trámites xa están moi avanzados- e séguese a traballar na selección de fincas que suman outras 60 hectáreas de superficie.

O Goberno autonómico considera de vital importancia a realización de actuacións que persigan tanto incrementar a superficie pública de bosques e a súa recuperación como asegurar a conservación da natureza a través do mantemento dos procesos ecolóxicos, a preservación da biodiversidade dos ecosistemas e a aplicación de medidas que garantan a singularidade da paisaxe e a restauración de recursos naturais degradados.

Estas medidas enmárcanse no compromiso da Xunta de facer compatible a protección e preservación dos valores, hábitats e principais especies de flora e fauna que alberga este territorio cunha actividade económica sostible.

O espazo

As Fragas do Eume foron declaradas Parque Natural en 1997 cunha superficie de máis de 9.000 hectáreas. Trátase dun espazo que se atopa nunha zona de marcada influencia oceánica entre o medio litoral do esteiro do Eume e as montañas nas que nace o río. Estas características explican por que é, a día de hoxe, unha das mostras máis importantes dos bosques sublitorais galegos e un dos poucos bosques atlánticos ben conservados de Europa.

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático lembrou que a Xunta aprobou en 2023 o Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do parque natural e ten asignados 8,5 millóns de euros para os seus 10 anos de vixencia. Nesta liña, o Executivo galego prevé mobilizar arredor de 70 millóns de euros en investimentos nos seis parques naturais de Galicia e no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.  

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario