O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro anunciou hoxe que os socialistas comprobarán in situ a situación dos centros de saúde de toda Galicia, logo de que, en resposta a unha pregunta no Parlamento, o presidente Rueda refrexara “un mundo de ficción que ben pouco ten que ver coa realidade que se está vivindo” na sanidade galega.
Ante o centro médico de Castro de Rei, Besteiro denunciou que as instalacións (unha das dúas que hai no municipio) estará pechada durante todo o verán “porque a Xunta así o decidiu”. Criticou tamén que “non é unha situación moi diferente do que acontece en moitas partes de Galicia”, e puxo como exemplos o punto de atención de Doiras, que tamén vén de pechar; Ribeira de Piquín, “onde levan moito tempo sen cubrir a praza de médico”, ou Ponteareas, onde “se anulou a atención polas tardes”.
O secretario xeral citou outros casos de problemas “que se estenden por toda Galicia”, como en Ribeira, onde o centro de saúde funciona practicamente coa metade do cadro de persoal que debería, ou Carballo, onde os veciños denuncian esperas de quince días para que os vexa o médico.
Detívose especialmente na insuficiencia de recursos dos servizos de pediatría, o que provoca que moitas familias “teñan que facer un longo percorrido para recibir atención”, tal como acontece en lugares como Cerdedo ou A Lama.
“Á Xunta e a Rueda non lles preocupa, pero queremos combater esa política de ficción e imos facelo cun percorrido por toda Galicia, acudindo aos centros de saúde para ver cantos médicos faltan, se se están cubrindo as baixas ou se prevén cubrir as xubilacións”, insistiu José Ramón Gómez Besteiro, que sinalou que a atención primaria é o servizo máis próximo aos veciños e que ten moita importancia, ademais de no eido da saúde, en cuestións tan significativas como o reto demográfico.
“Imos falar da realidade mentras outros falan de ficción”, asegurou Besteiro sobre a rolda de visitas que hoxe iniciou ante as portas pechadas do centro médico de Castro de Rei, nas que unha nota indica á veciñanza que durante o verán se despracen a outro centro sanitario para recibir atención médica.
O partido socialista contactou durante as últimas semanas con centros de saúde de numerosos concellos galegos para recibir información sobre a atención que están a prestar. Son poucos os casos nos que todas as prazas están cubertas e en condicións axeitadas.
Outro patrón que se repite é que, cada vez que se xubila un profesional, o seu relevo eternízase. Non é raro que tarde máis dun ano. As baixas por vacacións tamén quedan en moitas ocasións sen cubrir.
Unha das consecuencias máis visibles é que hai centros de saúde nos que os veciños esperan máis de 10 días para que os vexa o médico de cabeceira, coma denuncian, por exemplo, en Ordes ou no Grove.
Por ese motivo, o PSdeG pediulle ao presidente Rueda que reverta esa política de pechar centros e escatimar recursos, que invista na sanidade pública e a organice axeitadamente para atallar a situación límite na que se atopa. Besteiro reiterou esta mañá, nese senso, a oferta de pacto de país para mellorar o sistema sanitario e empezar polo máis urxente, a atención primaria.
Xunto ao secretario xeral dos socialistas galegos, achegáronse a Castro de Rei diversos cargos do PSdeG, entre eles, a viceportavoz no Parlamento galego Lara Méndez; a voceira en Castro de Rei, Alba Sinde, e a concelleira Ana Canto; o portavoz en Cospeito, Daniel Irimia; a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e a concelleira Paula Campo; o alcalde de Meira, Antonio de Dios Álvarez; o voceiro na Pastoriza, Constantino Fernández; a concelleira en Pol Marina Ramudo; o alcalde de Xermade, Roberto García; o responsable de Sanidade da executiva provincial, Miguel Rodríguez Lois, e a deputada Patricia Otero.
Protesta veciñal no Valadouro pola falta de médicos
O de Castro de Rei é só un dos numerosos exemplos do desmantelamento dun servizo público básico como é a sanidade. Veciñas e veciños do Valadouro concentráronse hoxe nas inmediacións do centro de saúde pola falta de médicos.
Como consecuencia de dúas xubilacións ás que o Sergas non da relevo, a atención queda a cargo dun só facultativo. Esta sobrecarga repercute directamente na calidade da atención e no incremento das listas de espera, denuncian.
Entre outros representantes socialistas, o senador lucense César Mogo acompañou aos afectados. Mogo denunciou a “falta de planificación” da Xunta, que “hai tempo que prevía esta situación e non foi capaz de solucionala”. Lamentou tamén a “indefensión” dos usuarios e esixiu a incorporación “inmediata” de médicos. “A responsabilidade é da Xunta de Galicia. Que se deixe de escusas”, concluíu.