O proxecto de renovación do céspede do campo municipal da Laracha, na última fase de execución

por Redacción Deportes

Os tepes xa están instalados e as intervencións concluirán nos próximos días coa renovación da reixa de recollida de augas pluviais nunha das bandas laterais.

A actuación supón un investimento de 215.000 euros.

Apenas un mes despois do inicio dos traballos, a execución do proxecto de renovación do céspede sintético do campo de fútbol Municipal da Laracha está xa na última fase.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras, Pablo Cambón, visitaron hoxe as instalacións, onde mantiveron unha reunión co director de obra e co representante da empresa contratista, Mondo Ibérica, para coñecer o resultado das actuacións que se levaron a cabo.

Os traballos consistiron na retirada dos antigos tepes de céspede artificial e, tras unha completa limpeza do ámbito, a instalación dos novos en toda a superficie do terreo de xogo e a súa contorna -bandas laterais e fondos-. En total, entre as dimensións do campo e os espazos externos do mesmo foron instalados 6.950,96 metros cadrados de superficie nunhas dimensións de 107,60 x 64,40 metros.

O novo céspede é de última xeración, mixto e de 40 milímetros. Cumpre coas especificacións e normativas correspondentes para asegurar a máxima calidade conforme aos niveis que esixe a certificación FIFA Quality Pro. Ademais, colocousesobre unha nova base plástica que favorece un máis óptimo comportamento deportivo para a práctica do fútbol.

A execución do proxecto concluirá nos próximos días coa renovación da reixa de recollida das augas pluviais ao longo da banda lateral xunto ás bancadas, que será substituída tanto para favorecer a drenaxe do terreo como para reforzar a seguridade dos usuarios das instalacións.

Este proxecto de renovación do céspede sintético no campo de fútbol Municipal da Laracha está valorado en 215.000 euros. Os traballos estanse a levar a cabo nesta época do ano para non interferir na actividade dos clubs laracheses que xogan os seus partidos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario