Salienta as actuacións realizadas en Sanxenxo, “un dos concellos turísticos máis importantes de toda España”
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, salientou hoxe o compromiso da Xunta con renovar e ampliar as infraestruturas da comunidade para mellorar os servizos a disposición de veciños e turistas.
Durante unha visita as obras de humanización da estrada PO-308 á altura de Portonovo, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou que Sanxenxo é “un dos concellos máis importantes de España” a nivel turístico e a importancia destas actuacións que contribúen a mellorar “a travesía entre O Grove e Pontevedra” con melloras que “fomentan os hábitos saudables, permiten ordenar o tráfico” e fan este percorrido “mais agradable”.
A intervención na PO-308 en Portonovo levouse a cabo nun tramo de preto dun quilómetro entre o mercado e o cruce da Perla e investíronse 2,3M€, dos que o 70% foi asumido pola Xunta e o 30% polo Concello de Sanxenxo. Delimitáronse os espazos mediante pavimentación da zona de peóns, zona de tráfico e zona de aparcamento.
Renováronse e ampliáronse as beirarrúas para dotalas de maior accesibilidade e para reforzar a seguridade viaria, calmando o tráfico, e habilitáronse tres novas glorietas. Ademais, a actuación incluíu os traballos de renovación de redes de abastecemento, saneamento e pluviais e alumeado público, a canalización subterránea para telefonía e electricidade que substituíu os tendidos aéreos e dispúxose unha nova sinalización horizontal e vertical.
A PO-308 vén sendo obxecto de importantes investimentos da Xunta dentro do seu obxectivo de manter a rede viaria autonómica nas mellores condicións, entre eles os itinerarios peonís e ciclistas de Portonovo á Lanzada, cun investimento de máis de 7M€ ou o de Covelo a Raxó, por 2M, que puxeron á disposición da cidadania 14,8km de sendas.
Galicia, destino turístico
Durante a súa intervención, Rueda salientou as boas previsións do turismo na comunidade para este verán e apostou por seguir “coidando aquelo pola que a xente nos visita” e por fomentar a chegada de novos visitantes “con sentidiño” e promover a desestacionalización do turismo.