Celanova e Monforte colaborarán na recuperación da figura de Ramón Yáñez e na procura de familiares do guerrilleiro

por 21 Noticias

Celebrouse este domingo en Celanova a primeira homenaxe pública ao guerrilleiro Ramón Yáñez Pereira, asasinado no exterior da Caseta de Ansemil cando trataba de fuxir dunha emboscada das forzas de represión franquista o 13 de xullo de 1943.

Ramón Yáñez Pereira, militante comunista e un dos mandos do grupo de guerrilleiros na zona do Laboreiro, era natural de Monforte, e por iso o acto contou coa participación, en representación do Concello de Monforte, de Gloria Prada Rodríguez, 1ªTenente de Alcalde e concelleira de Facenda, e polo Concello de Celanova, Teresa Barge, Tenente de Alcalde e concelleira de Igualdade.

Os comités de memoria do Val do Límia e da Comarca de Celanova andan á procura de familiares de Ramón Yáñez Pereira e hoxe expresaron o seu desexo de contar neste labor coa colaboración dos gobernos municipais de Monforte e Celanova. O nome do guerrilleiro pecha a lista do futuro memorial ás vítimas da represión soterradas no cemiterio de San Breixo, foi a última da 88 vítimas documentadas até o momento.

Despois da presentación dun vídeo sobre a elaboración do cartaz de Baldomero Moreiras que narra o suceso da morte do guerrilleiro, o historiador Carlos Morais, presidente do Comité pola Memória Histórica do Val do Límia, ofreceu unha conferencia sobre a vida de Ramón Yáñez, desde a súa emigración a Barcelona antes da guerra até o seu regreso a Monforte xa en plena ditadura, onde mantivo a súa actividade política na clandestinidade até que se incorporou á guerrilla. Yáñez, tamén coñecido co alcume do Médico, achegouse a Celanova en xullo daquel ano 1943 para tratar de conseguir cartos a través dun con-veciño de Monforte e parece que vello amigo, naquela altura xa un rico comerciante instalado en Celanova. Mais o guerrilleiro foi denunciado polo seu vello amigo, de nome Ramón Castro, e un grupo de militares e gardas civís arrodearon a fonda da Caseta e mataron ao Médico cando intentaba fuxir cara o monte. A autopsia, recollida na causa contra Yáñez Pereira, non deixa lugar a dúbidas da violencia dos represores contra o guerrilleiro. Carlos Morais, recompilando información na propia causa e de investigacións anteriores, segue a documentar a figura dun dos últimos soldados da República que mantivo a loita contra o réxime franquista nas comarcas arraianas.

A última pegada sobre O Médico que atoparon os investigadores é a de dous irmáns: TRINIDAD YÁÑEZ PEREIRA e PRÁXEDES YÁÑEZ PEREIRA, que penaron no cárcere de Lugo a principios dos anos corenta, así como a da compañeira do guerrilleiro, a catalá TERESA BATET SOLANES, presa durante case un ano no mesmo cárcere. Estes nomes convertéronse na mellor oportunidade para atopar familiares de Ramón que axuden a ampliar e conservar a súa memoria. Rematada a conferencia, os comités sinalaron a Caseta de Ansemil como LUGAR DE MEMORIA, colocando o cartaz de Baldomero Moreiras e recollendo unha fotografía do artista xunto a Carlos Morais na fachada do que queda da fonda.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario