Celébranse varias mesas de traballo con distintos axentes no marco do proceso de avaliación final da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3)
A Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, celebra hoxe e mañá en Santiago de Compostela varias mesas de traballo cos distintos axentes do ecosistema galego de I+D+i (centros tecnolóxicos, universidades, organismos de investigación, sector empresarial, sociedade e Administración) como parte do proceso de avaliación final da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3).
A directora da Axencia, Carmen Cotelo, agradeceu a participación dos 70 representantes do ecosistema galego de I+D+i neste proceso e destacou a oportunidade que representa este foro para realizar unha reflexión compartida co ecosistema e extraer conclusións que permitan á Administración autonómica afinar e enriquecer os instrumentos de cara o deseño do novo Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027 que se realizará durante os vindeiros meses.
A RIS3 supuxo un novo enfoque da política de I+D+i da nosa Comunidade coa aplicación da especialización intelixente -a identificación de áreas estratéxicas potencialmente competitivas a través de procesos participativos nas que concentrar os recursos económicos para impulsar o desenvolvemento do territorio- e foi destacada como boa práctica a nivel europeo polo seu proceso de avaliación.
Estas mesas de traballo son unos dos instrumentos de recollida de información do proceso de avaliación final da Estratexia e perseguen chegar a conclusións compartidas co ecosistema sobre a implementación e o grao de consecución dos obxectivos definidos que permitan optimizar o enfoque, a eficiencia e a eficacia da política de I+D+i de Galicia. Esta avaliación final realízase unha vez concluído o prazo de execución dos fondos europeos correspondentes ao periodo 2014-2020 e despois dun proceso de avaliación intermedio realizado en 2019.