A efeméride dos 75 anos de emisión do programa de radio «Sempre en Galicia» (1950-2025), creado polo Padroado da Cultura Galega de Montevideo, foi o motivo dun emotivo acto de recoñecemento e homenaxe en Galicia.
Cómpre destacar que a orixe e a vixencia deste espazo radiofónico non son froito da casualidade. Todos os seus fundadores eran galeguistas convencidos, sendo a maioría deles militantes activos do Partido Galeguista. Enténdese, polo tanto, a clara decisión de poñer en valor un programa emitido totalmente na nosa lingua e que nace na honra e lembranza do seu guía político e cultural: o presidente Castelao. A permanencia de «Sempre en Galicia» durante tres cuartos de século testemuña a fonda pegada da identidade galega na diáspora.
O corazón do acto foi a proxección dun documental dirixido e producido polo noso irmán, o arxentino-galego Xan Leira, que pon rostro e voz ás persoas que dedicaron parte das súas vidas á defensa da Terra.
Ampla representación institucional e cultural
A homenaxe congregou unha ampla representación da cultura, a política e o tecido empresarial do país, evidenciando o calado transfronteirizo do proxecto:
Yolanda Díaz Gallego e Manuel Suárez Suárez, destacaron pola súa longa participación na emisión radial «Sempre en Galicia».
Asistiron destacados representantes institucionais como o exalcalde de Rianxo Xosé Bravo e o alcalde de Boiro, José Ramón «Martíño».
Do eido empresarial, estiveron presentes o CEO do grupo hoteleiro Alda Hotéis, Alberto Rodríguez Boo, e Juan Bua de Comercial Lume.
Entre os invitados de honra, cabe destacar a presenza de Javier Baltar, herdeiro da familia Castelao, e a dos irmáns do Partido Galeguista: Malala e José Patricio Nuñez Losada, netos do inesquecido e sempre lembrado galeguista Antón Losada Diéguez, acompañados de Francisco López «Chesqui», quen a día de hoxe é o referente indiscutible do Partido Galeguista, non só na Galicia territorial, senón tamén na Galicia Alén do Mar. «Chesqui» mantén acendida a chama do galeguismo e a conexión esencial entre ámbalas beiras do Atlántico: Galicia, Arxentina e Uruguai.
Este acto de recoñecemento subliña a forza da diáspora e o papel esencial de «Sempre en Galicia» como ligazón inquebrantable coa Nosa Terra.