O Grupo Socialista urxe á Xunta a cubrir as baixas de pediatría en Cerdedo-Cotobade

por 21 Noticias

A parlamentaria socialista Paloma Castro vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta que garanta a cobertura das vacacións da pediatra do centro médico de Tenorio, en Cerdedo–Cotobade. A responsable socialista comezará o novo curso parlamentario reclamando unha atención sanitaria en igualdade de condicións para os 5.815 habitantes deste concello pontevedrés.

Castro denuncia que os nenos e nenas deste concello “non poden enfermar no mes de agosto porque Rueda decidiu que non cubriran as vacacións da súa pediatra”. Os menores de idade vense “centrifugados” aos servizos sanitarios nos concellos limítrofes, obrigados a desprazarse e perdendo a continuidade na atención médica.

A falla de interese do goberno galego provoca que os nenos e nenas sexan derivados aos centros de Forcarei, que ten atención para os menores só un día á semana, a Pontecaldelas, así como ao hospital provincial de Pontevedra ou ao centro de saúde da Parda, ámbolos dous no concello de Pontevedra.

Critica que o goberno galego non teña a ben prestar atención á situación dos menores de Cerdedo – Cotobade, unha situación que polo visto tampouco lle preocupa ao goberno local, que non fixo nada logo de que o pasado 2 de agosto a portavoz do Grupo Municipal Socialista, Ana Couto, dera a voz de alarma no pleno do Concello.

Por este motivo os menores e as súas familias seguen a padecer o protocolo imposto dende o Sergas, que obriga a derivar as urxencias ao Hospital Provincial, e as revisións de idade dos menores de 3 anos son derivadas a Pontecaldelas ou Forcarei, mentres as dos maiores de 4 directamente son suspendidas ata setembro.

A parlamentaria socialista reclámalle tamén ao goberno galego que garanta a cobertura dos profesionais sanitarios de Atención Primaria dos servizos sanitarios deste concello, e que dote ao PAC dunha ambulancia que permita trasladar as urxencias graves que se produzan neste concello ata o Hospital de Montecelo.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario