Maite Ferreiro presenta os datos turísticos do verán en Lugo

por Redacción Lugo

Ferreiro destacou que «continuamos a medrar en visitantes, con  77.155 persoas atendidas nos tres meses de verán».

A concelleira de Turismo, Maite Ferreiro, presentou os datos rexistrados nas distintas instalacións turísticas
nos meses de xuño, xullo e agosto. Ferreiro afirmou que «Lugo continúa co seu crecemento turístico, este ano volvemos superar a marca cun total de 77.155 persoas no verán».

Os principais puntos de información turística da cidade, a Oficina Municipal de Turismo e o punto de información turística da praza Maior atenderon durante toda a campaña de verán a 45.198 persoas, das cales
21.016 viñeron a Lugo no mes de agosto. «Só no mes de agosto estes dous puntos rexistramos un número similar a todo o verán de 2019, cando a marca foi de 21.644 turistas nos tres meses de campaña de verán», explicou a concelleira de Cultura. No tocante ás salas museísticas municipais, este verán achegáronse 31.957, superando a marca de 28.835 do ano pasado.

Maite Ferreiro destacou que «o aumento de persoas que se achegan á cidade é froito da campaña Lugo Km 100, que está posicionando o noso concello como un referente do turismo de calidade e proximidade, poñendo en valor o patrimonio histórico e a ampla programación cultural coa que contamos».

A programación cultural da área de cultura durante o verán estivo formada por unha extensa programación de rúa, que incluíu unha nova edición do Muralleando, con concertos de grupos locais nas tardes dos venres e sábados na Mosqueira, ademais da mostra Versos na Barraca, que achegou ás persoas máis relevantes no panorama poético galego, con nomes como Olga Novo, Miriam Ferradáns ou Samuel Merino. As familias
puideron desfrutar de distintas actividades infantís nas tardes dos xoves, e dunha nova edición do Lugo Music Festival, un encontro centrado na música que achegou a persoas de todas as zonas do mundo a
Lugo.

Entre os visitantes que se achegaron ás distintas instalacións turísticas, destacan os procedentes do resto de Galiza, ademais de Madrid e Cataluña, seguidos de Valencia, País Vasco e Andalucía. Francia, Portugal, Reino Unido e Alemaña son os países con máis turistas estranxeiros rexistrados nas estatísticas municipais.

Circuíto galego de teatro amador 2024

Maite Ferreiro presentou, xunto con integrantes do grupo Achádego. Teatro, a nova edición do Ciclo Galego de Teatro Amador, organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado en colaboración coa área
de Cultura do Concello de Lugo e coa consellería de Cultura. Ferreiro afirmou que «un ano máis volve o Ciclo Galego de Teatro Amador, no que poderemos ver a distintas compañías de teatro afeccionado realizar as
súas últimas obras no Auditorio Municipal, achegando o teatro a toda a veciñanza».

A edición 2024 deste ciclo contará con catro representacións teatrais para todos os públicos, representadas por catro compañías diferentes de toda Galiza, que se levarán a cabo durante entre o 7 e o 2 de setembro no auditorio municipal Gustavo Freire.

As representacións desta edición son as seguintes:

· 07 de setembro ás 20:30 – Os veciños do lado, de Fauna 113

· 08 de setembro ás 18:30 – Brincacontos, de Andaravia Teatro

· 21 de setembro ás 20:30 – Almas na gloria: Don Paco, de Avelaíña
Teatro

· 22 de setembro ás 15:30 – Os contos clásicos da Tía Carolina, de
Paso de Valverde

Todas as representacións están destinadas a públicos de todas as idades. A entrada gratuíta, máis é preciso retirala a través do portal entradaslugo.es

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario