A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou hoxe na presentación da Cátedra de Xestión Cultural Especializada en Patrimonio, unha iniciativa que permitirá promover a formación, a investigación e a profesionalización da xestión do patrimonio cultural desde o Campus de Lugo.
Durante a súa intervención, Candia destacou que Lugo reúne unhas condicións únicas para converterse nun referente neste ámbito, tanto polo seu patrimonio material como polo seu patrimonio inmaterial.
«Lugo ten un patrimonio excepcional e tamén unha enorme oportunidade para formar profesionais especializados capaces de investigalo, conservalo e poñelo en valor. Esta cátedra representa un espazo de coñecemento que tamén pode servir de apoio ás administracións á hora de desenvolver novos proxectos».
A alcaldesa subliñou tamén a importancia de estreitar a colaboración entre a Universidade, as administracións públicas e o tecido social para impulsar iniciativas que contribúan ao desenvolvemento da cidade.
«Universidade e institucións temos que ir da man. Traballando de forma coordinada poderemos dar un salto cualitativo na protección e promoción do noso patrimonio e seguir construíndo unha oferta cultural aberta, profesionalizada e ao servizo da cidadanía».
Candia felicitou ao equipo promotor desta iniciativa e amosou a disposición do Concello de Lugo para colaborar nas actividades que se desenvolvan ao abeiro desta nova cátedra, convencida de que contribuirá a reforzar o papel de Lugo como cidade de referencia na conservación e difusión do patrimonio cultural. A alcaldesa indicou que esta Cátedra tamén supón un recoñecemento ao traballo da Facultade de humanidades e ao seu grao en xestión cultural, o máster en servizos culturais e o programa de doutoramento en estudos culturais