O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o CIFP As Mercedes, de Lugo, onde destacou o compromiso do Goberno autonómico con este centro dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e referente en programas de FP básica e dual.
O delegado territorial puxo en valor a aposta da Xunta de Galicia por reforzar a Formación Profesional. Neste sentido, lembrou que Galicia contará o vindeiro curso coa oferta máis ampla da historia da FP con 46.714 prazas de novo ingreso, o que supón a creación de 4.500 prazas e un aumento do 11% con respecto ao curso pasado.
As novas prazas foron deseñadas en base ao diálogo entre a comunidade educativa e os sectores socioeconómicos. O que se pretende, segundo explicou Arias, «é que todo aquel que o desexe atope un oco na FP, cunha formación case á carta que se adapta ás necesidades e aos intereses de cada persoa». O delegado referiuse ademais á alta taxa de inserción laboral, que rolda o 85% no caso da FP común e o 100% na FP Dual.


O CIFP As Mercedes tense consolidado como centro de referencia en programas de FP básica e dual con perfil técnico, e no pasado curso deu un salto na oferta formativa ao incorporar á súa oferta o primeiro FP dual público en Mecánica de Competición en España.