Lara Méndez: «A Xunta non ten un plan para conciliar o turismo coa calidade de vida da veciñanza»

por 21 Noticias

A portavoz de turismo do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, defendeu hoxe no pleno da Cámara que Galicia debe contar cun plan turístico integral que faga posible unha xestión sostible do sector a longo prazo. No debate dunha proposición non de lei, a deputada do PSdeG reclamoulle á Xunta unha planificación “ben estruturada” co obxectivo de atraer  á comunidade beneficios económicos, pero tamén de compatibilizar o desfrute das persoas que visitan Galicia cunha mellora da calidade de vida das galegas e dos galegos.

Méndez recordou que a pandemia marcou “un punto de inflexión” nos modelos de consumo, tamén no relativo ás viaxes de lecer, con cambios que pasaron de ser conxunturais a converterse en estruturais ao longo dos últimos anos. A preocupación cada vez maior dos turistas polo entorno e o incremento dos desprazamentos de proximidade son novos parámetros que, subliñou a parlamentaria do PSdeG, deben terse en conta á hora de deseñar as políticas públicas no que se refire a un sector estratéxico para a economía galega. De feito, o seu peso tanto no PIB coma no emprego sitúase xa no 11 %, un dato que, ademais, “vai en alza”.

Por ese motivo, o turismo débese ter en conta como un factor clave no desenvolvemento económico de Galicia e incluso “se pode consolidar como un dos principais motores de crecemento” da comunidade. Indicadores como que o 65 % dos turistas prefiren consumir produtos locais durante as vacacións, que o 70 % dos españois aseguran que viaxan máis por España que antes da pandemia ou que o 33 % prefiren facelo pola súa propia comunidade autónoma “débense ter en conta á hora de planificar o desenvolvemento futuro dos recursos”.

Segundo Lara Méndez, eses cambios nos patróns de consumo invitan a reordenar os esforzos da Administración autonómica en materia turística. “O Camiño de Santiago é un gran motor económico, pero a Xunta non pode centrar nel todos os seus esforzos”, dixo para enumerar a variedade de posibilidades que ofrece Galicia, dende o turismo de natureza ata o cultural, pasando polo gastronómico, o enolóxico, o deportivo ou, tamén, o de sol e praia. “Galicia necesita unha planificación turística que teña en conta a súa estrutura económica, social, cultural, natural e humana”, resumiu.

A deputada do PSdeG cualificou de “imprescindible” contar cun plan turístico que aborde de xeito integral o desenvolvemento do sector, xa que “non pode haber un crecemento sostible sen fixar obxectivos e trazar liñas de actuación”, como tampouco sen identificar e priorizar produtos, servizos e destinos turísticos chave.

Ademais, apuntou, esa planificación “debe estar coordinada cos diferentes axentes turísticos, co sector privado e coa sociedade civil”, a fin de “maximizar os beneficios para a poboación local ao tempo que se minimizan os impactos negativos”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario