Asetem e o Concello de Melide organizan xunto a Guido Guía unha nova actividade, «Melide destino: Descubrindo Furelos«, para promocionar o municipio e os seus establecementos de proximidade o vindeiro sábado 21 de setembro durante todo o día.
Para realizar este novo proxecto de promoción, a Asociación empresarial e a Administración local, contarán cun guía turístico de primeira, Guido Álvarez Parga, coñecido como Guido Guía. Este profesional conta coa Diplomatura en Turismo, Máster de Planificación Turística e o Máster Europeo Maclands en Paisaxes Culturais, ademais de ser actualmente profesor-titor do Grao en Turismo da UNED. Ademais, ten numerosas experiencias profesionais no sector en cidades e vilas de toda Galicia, e sobre todo na provincia de Lugo.
A actividade comezará ás 11:00 horas no Cantón de San Roque, punto de quedada da actividade, para de seguido coñecer diversas zonas de Melide con tempo para visitar os comercios e establecementos de hostalería da localidade. Ás 14:00 horas haberá realizarase un picnic, para aquelas persoas que o desexen, no cal cada participante deberá levar o seu xantar. Haberá opción tamén, para quen o prefira, de reservar mesa nalgún establecemento da vila para desfrutar da gastronomía local .
Pola tarde, o grupo unirase de novo para visitar o VII Mercado de Época “Furelos no 1900”. Ademais, Guido aproveitará esta visita para dar a coñecer diferentes lugares de interese da parroquia como a Ponte Romana.
Esta iniciativa é totalmente gratuíta e para participar só hai que chamar ao 981 50 61 88 ou enviar un whatsapp ao 698 13 23 24. A actividade vai dirixida tanto a persoas da contorna como doutros lugares de Galicia, dado que é unha oportunidade de coñecer e aprender máis sobre Melide, ao mesmo tempo que se promocionan os seus establecementos de proximidade.
A maiores, entre as persoas participantes que merquen ou consuman nalgún establecemento asociado a Asetem sortearanse 5 vales de compra de 20 euros. Para entrar no sorteo os consumidores deberán rexistrar a súa compra na APP da Asociación subindo unha foto do tícket.