A Asociación Veciñal As Carballeiras reclama ao Concello de Lugo unha intervención inmediata nas rúas do Valiño e Afonso X O Sabio, onde dúas árbores permanecen caídas na vía pública sen que as autoridades procederan á súa retirada.
A entidade sinala que os exemplares atópanse xunto á residencia universitaria Mi Campus, unha zona de elevado tránsito peonil onde circulan diariamente centos de estudantes e residentes. Esta situación, segundo denuncia a asociación, non só deteriora a imaxe urbana do barrio, senón que supón un risco evidente para a seguridade dos viandantes.
«Non podemos esperar a que ocorra un incidente. A seguridade na nosa contorna debe ser unha prioridade absoluta», trasladan desde a directiva da asociación.
Ante a pasividade observada do Concello, As Carballeiras esixe:
- A retirada inmediata das árbores caídas para liberar o espazo público.
- Un plan de supervisión e mantemento do arborado urbano nesta zona, que presentan un estado de conservación deficiente.
A asociación lembra que a prevención é clave para garantir espazos públicos seguros e insta ao goberno municipal a actuar con celeridade para normalizar a situación nas inmediacións do complexo universitario.