O PP de Foz acusa ao alcalde de enganar á veciñanza, aos clubes, ás asociacións e tamén aos empresarios e ínstao a depurar a súa xestión económica

O voceiro popular, Javier Castiñeira, denuncia que o rexedor trasladou información falsa tanto á cidadanía como aos representantes dos clubes e asociacións cos que se reuniu o pasado sábado.

O Partido Popular de Foz denuncia que o alcalde está enganando deliberadamente á cidadanía sobre o suplemento de crédito que pretende aprobar e reclama unha xestión económica “transparente e responsable” 

O voceiro popular, Javier Castiñeira, denuncia que o rexedor trasladou información falsa tanto á cidadanía como aos representantes dos clubes e asociacións cos que se reuniu o pasado sábado. “O pasado sábado foi o primeiro en pedir desculpas e, acto seguido, volveu mentirlles aos representantes dos clubes e das asociacións. Iso é gravísimo”, afirma.

O PP explica que o alcalde está mentindo por motivos moi concretos.

En primeiro lugar, porque di que o suplemento non pode dividirse, cando sabe que é totalmente posible. Segundo Castiñeira, “o alcalde repite que non pode dividir o suplemento de 1,3 millóns, e iso é mentira. Pode facelo pero non quere, porque ao separar os gastos queda exposta a súa xestión: 360.000 euros de 2024 con reparos de intervención e 926.000 euros en facturas sen informar do 2025”.

En segundo lugar, porque está usando aos clubes e asociacións como escudo político. “Dilles que non poden cobrar os convenios e subvencións se non aprobamos tamén as facturas irregulares. Usa ás entidades como presión para tapar os seus erros. Iso é enganar conscientemente á xente”, denuncia Castiñeira.

En terceiro lugar, porque oculta que toda esta situación existe só por culpa do goberno local. Para o PP, o alcalde tamén engana cando culpa á oposición: “Non fixeron os orzamento de 2025, gastaron sen autorización e agora queren que aprobemos todo xunto. E aínda por riba culpan aos demais. Iso tamén é enganar” continúa o voceiro do PP.

E, por último, porque tamén enganou aos empresarios, contratando servizos sen ter crédito para pagalos. Castiñeira destaca  outro punto que o alcalde non conta: “Enganou tamén aos empresarios: contratou servizos sabendo que non tiña crédito autorizado para pagalos. E agora dálle a volta e pretender botarnos a culpa ao PP ou ao BNG. Iso é intolerable. Non se pode contratar un servizo e logo non poder pagalo. Iso é enganar e prexudicar directamente ás empresas de Foz”.

TRES BLOQUES DE GASTOS QUE DEBEN SEPARARSE

Tanto o PP como o BNG solicitaron dividir o suplemento en tres partes:

– 360.000 euros en facturas de 2024 con informes desfavorables e reparos.

– 926.000 euros en facturas sen informar do 2025.

– Subvencións e convenios aos clubes, que o PP defende que se aproben por separado e de inmediato.

O voceiro popular afirma que “mesturar convenios con facturas irregulares é unha fraude política. É enganar á xente a propósito”.

O Partido Popular reitera que está disposto a aprobar no vindeiro pleno, que se celebra mañá, un suplemento específico para pagar as subvencións e convenios pendentes. “Se quere pagar aos clubes e asociacións, pode facelo xa. O que non imos permitir é esconder facturas irregulares detrás deles”, remata Castiñeira

Comparte éste artículo
No hay comentarios