O Concello de Antas de Ulla celebrou hoxe o acto de reapertura da Casa da Cultura do municipio.

por 21 Noticias

O pasarrúas da Banda da Escola de Música de Antas de Ulla deu comezo á xornada percorrendo as rúas da vila dende a Casa do Concello ata a ubicación da Casa da Cultura, na rúa Miguel Ángel Blanco Garrido.

A continuación, o evento continuou no Salón de Actos das instalacións, onde tivo lugar un acto con intervencións de distintas autoridades e a visita a unha exposición.

Tomaron a palabra o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, o presidente da Deputación provincial, José Tomé Roca, e a alcaldesa do municipio, Pilar García Porto.

“Antas conta xa cunha Casa da Cultura completamente renovada e á altura da súa rica vida cultural”, sinala a alcaldesa. “Esta renovación era moi necesaria, e non tería sido posible de non ser polo apoio do Goberno de España e da Deputación de Lugo”, engade.

Tamén estiveron presentes no acto outros membros da corporación municipal, así como representantes de diversas entidades culturais do municipio.

O proxecto, que contou cun orzamento total de arredor dun millón de euros, foi financiado polo Concello, a Deputación de Lugo e o Goberno estatal. A administración local aportou máis de 150.000€ de fondos propios, a institución provincial máis de 100.000€, e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, outros 816.000€.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario