Este polígono eólico, no Courel e na Ribeira Sacra, forma parte dun macroproxecto de 65 MW de potencia canda aos chamados Orballeira e Xeada, este último tamén paralizado cautelarmente a instancias de ADEGA
ADEGA vén de recibir Auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza polo que acolle a pretensión da organización ecoloxista de suspender cautelarmente o proxecto eólico Neboada, promovido por Maia Directorship, S.L. nos concellos da Rúa, A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras (en Ourense) e Quiroga e Ribas de Sil (en Lugo). Desta maneira, o alto tribunal galego deixa sen efecto a resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética do pasado 2 de xuño de 2023 pola que se autorizaba o proxecto, cando menos, ata que non haxa sentenza firme relativa ao recurso contecioso-administrativo interposto por ADEGA contra este polígono eólico.
A única parella de aguia real da provincia de Lugo, en perigo
O P.E. Neboada forma parte dun único macroproxecto eólico de 65 MW de potencia xunto cos chamados Orballeira e Xeada, ambos recorridos xuridicamente por ADEGA e este último tamén paralizado cautelarmente a instancias da asociación. Os tres comparten infraestruturas, están promovidos por empresas que forman parte dunha mesma matriz de accionistas e suman un total de 9 aeroxeradores de 220 metros de altura nas montañas do Courel, Valdeorras e Ribeira Sacra. Este macropolígono eólico afectaría de forma crítica a supervivencia da única parella de aguia real da provincia de Lugo.
Ademais, este proxecto eólico, situado nos límites do espazo Rede Natura Ancares-Courel, incidiría negativamente no proceso de recuperación e expansión do oso pardo polas montañas orientais galegas. Tamén se atopa dentro da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, e no corredor ecolóxico de tres espazos naturais protexidos: ZEC Ancares-Courel, ZEC Macizo Central e ZEC Enciña da Lastra; nunha área prioritaria para a protección da avifauna.
O risco de dano irreversible ou de difícil reparación é claro
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza considera suficientes os indicios achegados pola organización ecoloxista ADEGA como proba dos elementos ambientais «altamente sensibles» que se verían danados de levarse adiante a construción do polígono eólico Neboada. En concreto, a sala entende que «concorre a circunstancia dunha proximidade relevante a espazos xa caracterizados ambientalmente como altamente sensibles, quer por pertenceren xa á Rede Natura, quer por estaren previstos para a súa ampliación». Ademais, o tribunal recolle no seu auto que a acreditación dun risco de dano irreparable ou de difícil reparación derivado da execución das obras é clara.
Refire como factores relevantes para a súa decisión o feito ter a área afectada a cualificación de «exclusión eólica» por parte do Mapa de Zonificación Ambiental elaborado polo Ministerio de Transición Ecolóxica, e a consideración de área de especial interese paisaxístico, no que habitan esepcies ameazadas coa categoría de vulnerables (tartaraña cincenta, gatafornela) ou en perigo de extinción (millagre real, aguia real). Segundo o tribunal, estes hábitats de interese e os seus valores ambientais protexidos póñense «en risco certo» se as obras do proxecto eólico se executan. Unhas obras, prosegue o auto, que comprenden a apertura de pistas de gran anchura e de gabias para o soterramento dos cables de evacuación da electricidade producida, ademais da construción de zapatas de grandes dimensións e a gran profundidade no solo.
Prevalenza dos intereses ambientais
A posible «afectación ecosistémica» que provocaría o proxecto leva o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a aplicar o principio de prevención e de precaución elaborados pola xurisprudencia europea e polos que resolve a paralización cautelar de Neboada. No auto tamén se achega unha reflexión sobre a ponderación de intereses en sede cautelar, fundamentada en argumentos esgrimidos polo Tribunal Constitucional, que asegura que en materia de suspensión cautelar, a salvagarda do interese ecolóxico merece a condición de interese preferente fronte a argumentacións económicas. «Son fins loables tanto a transición como a soberanía enerxéticas, pero nin unha nin outra se poden facer a costa da vulneración doutros ben xurídicos», sinala.
Un logro colectivo
ADEGA lembra que esta paralización cautelar do proxecto eólico Neboada, ao igual que todas as anteriores acadadas a instancias da organización en materia eólica, son un logro colectivo, de todas aquelas persoas, colectivos e plataformas que fixeron as súas achegas á campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos (https://tipodesparalos.helpbysc.com/neboada). En especial, ADEGA parabeniza e agradece o apoio da veciñanza implicada, da Asociación Logo, da Sociedade Galega de Ornitoloxía e de Terras Altas de Trevinca. Grazas a #TiPodesParalos, a organización puido recorrer vía contencioso-administrativa ata o momento máis dunha trintena de proxectos eólicos aprobados pola Xunta de Galiza o pasado ano, para os cales o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xa acolleu a súa solicitude de suspensión cautelar en máis da metade.