Besteiro: «Rueda actuou coma o eco de Feijoo e deixa a Galicia sen a voz que merece»

por 21 Noticias

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou tras a reunión de hoxe ente os presidentes da Xunta e do Goberno no pazo da Moncloa que durante o encontro “Rueda actuou coma o eco de Feijoo e deixa a Galicia sen a voz que merece. O líder socialista cualificou de “incomprensible”, ademais de “antigalego”, que o mandatario popular se negase a falar dun financiamento singular para Galicia, co que “aspiramos a mellora a sanidade pública, a educación, a atención ás persoas dependentes…”, afirmou.

“Pedro Sánchez faloulle de Galicia, pero Rueda preferiu falar de Cataluña”, lamentou o secretario xeral socialista, que sinalou como “unha posición ridícula” a negativa de Rueda a abordar unha quita da débeda da comunidade autónoma, tal como lle propuxo Sánchez. Fíxoo, dixo Besteiro, por compracer a Feijoo, despois de que durante os gobernos do actual presidente do PP e do propio Rueda esa débeda se multiplicase por tres.

“Peor, imposible”, resumiu José Ramón Gómez Besteiro, que sinalou que o presidente da Xunta acudiu a Madrid cunha serie de reivindicacións no capítulo de investimentos consciente de que dependen da aprobación da senda de gasto do Estado, que se votará proximamente no Congreso, e da aprobación dos Orzamentos Xerais. “Xa lles digo hoxe que non van ser apoiados polo Partido Popular”, adiantou poñendo o foco sobre a contradición na que caen o presidente autonómico e o PP, que lle negan a Galicia o financiamento que precisa.

Ese voto en contra vai supoñer para Galicia a perda de 343,6 millóns de euros, cun impacto negativo tamén nos concellos. Entre as grandes cidades, Vigo quedará sen 16,2 millóns, A Coruña sen 16,7 millóns, Santiago sen 6,5 e Lugo sen 5,4.

“Hoxe era o momento de mirar por Galicia, e Rueda mirou por Feijoo”, concluíu o secretario xeral do PSdeG.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario