Mercé Barrientos denuncia “a política de propaganda empregada pola Consellería de Educación para facer ver que se incrementaba o profesorado mentres se seguían a aplicar recortes, especialmente graves no alumnado con necesidades educativas especiais”
O BNG de Muxía amosou o seu apoio ás ANPAS dos colexios de Os Muíños e “Virxe da Barca”, que están denunciando os recortes que a Consellería de Educación vén realizando en ditos centros. “As familias ven como se foron recortando as horas e días de profesorado para a atención ao alumnado que require de apoio educativo e ao que ten necesidades especiais”, sinalaron desde a formación nacionalista, que xa comunicou a problemática ao deputado Óscar Insua e anunciou que presentará unha moción no vindeiro pleno para esixir unha solución á Xunta e para dar respaldo aos pais e nais afectados.
A voceira do BNG no municipio, Mercé Barrientos denunciou “a política de propaganda empregada no inicio deste curso pola Consellería de Educación para facer ver que se incrementaba o profesorado mentres se seguían a aplicar recortes, especialmente graves cando se aplican ao alumnado con necesidades educativas especiais”. Barrientos asistiu o pasado 10 de setembro en Cee á concentración de protesta polos recortes convocada polas ANPAS da Costa da Morte e a asociación Paseniño, e mantivo unha conversa con familiares de alumnado de Muxía que tamén acudiron ao acto.
Membros da ANPA de Os Muíños explicaron á portavoz nacionalista que, a pesar de que este ano houbo no centro un incremento de once alumnos con necesidades educativas especiais, reducíronse as horas que o centro tiña asignadas de Pedagoxía Terapéutica, que pasaron de 13 a 11, mentres as de Audición e Linguaxe pasaron de 18 a 12. “É obvio que cun 50% máis de alumnado con necesidades especiais e cun recorte nas horas de apoio educativo, se compromete a atención que recibiría os nenos e nenas máis vulnerábeis”, sinalou Mercé Barrientos.
Pola súa banda, as familias do Colexio Virxe da Barca informaron que este curso tamén se lles reducira a atención ao alumnado con necesidades especiais a tan só catro horas de profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, impartidas nun único día á semana e deixando ao alumnado sen atención o resto dos días. A presión das familias conseguiu que se incrementara unha hora máis esta atención, pero consideran que segue a ser insuficiente.