No día que se cumpren 4 anos e tres meses dende que esta infraestrutura foi recepcionada pola actual alcaldesa
O Grupo Municipal participou nun acto simbólico para reclamar a apertura do Auditorio de Magoi no que tanto a voceira popular, Elena Candia, como o Presidente Local, Ramón Carballo aseguraron que “é inadmisible que, a estas alturas, sigamos sen saber DATA NIN XUSTIFICACIÓN PÚBLICA DE QUE SIGA PECHADO”.
Esta acción na rúa vén precedida polo apoio, a semana pasada, da veciñanza da zona de Magoi que “nos pediu que insistamos nesta demanda xa que consideran que se perdeu unha oportunidade única de impulsar o desenvolvemento deste barrio e tamén lamentaron que se lles siga privando de utilizar os espazos públicos da súa contorna”.
Tamén se colocaron mensaxes permanentes na rotonda das inmediacións da pasarela do Anxo Carro e na Avenida de Benigno Rivera, no polígono do CEAO para lembrarlle ao goberno local a urxencia de abrir esta dotación.
Representantes do sector cultural de Lugo tamén avalan esta reivindicación histórica e de forma unánime, nas últimas semanas, piden que se poña en marcha esta infraestrutura xa que consideran que contribuirá á promoción das industrias culturais e creativas lucenses e galegas supoñendo un revulsivo para a economía local.
É imprescindible que esta dotación de primeiro nivel, que custou máis de 20 M€, se abra para mostrar o talento local, para entrar na programación de grandes espectáculos dos circuítos culturais.
Este xoves o Partido Popular defenderá unha proposición no pleno para que PSOE e BNG expliquen os motivos polos que o edificio segue abandonado.