O Grupo Socialista esíxelle á Xunta que remate co «teatro» do canon de Sogama

por 21 Noticias

Paloma Castro lembra que “quen contamina paga”, e acusa ao goberno galego de repercutir nos concellos e polo tanto na cidadanía o castigo imposto pola UE

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle hoxe á Xunta que remate co “teatro” do canon de Sogama e asuma íntegra a suba porque “quen contamina paga”. Castro presentou unha Interpelación no Pleno do Parlamento logo do anuncio do goberno galego de repercutir nos concellos parte da suba do canon de Sogama imposto pola UE por incumprir cos requisitos de xestión de residuos.

Castro explicou que o canon deriva do empeño do goberno galego de manter o modelo Sogama centrado na incineración e o soterramento de residuos, en contra da política de residuos da UE, que busca a redución da contaminación atmosférica, das augas e do solo e os riscos para a saúde derivados destas prácticas. Advirte que “vostedes sabían dende hai anos que o seu modelo acabaría sendo insostible polas recomendacións da UE, e non intentaron mudalo”.

Afeoulle ao goberno galego ter iniciado unha “novela por capítulos”, primeiro anunciando unha suba do canon, acusando en falso ao goberno central e agochando que é o goberno galego o que recadará e por tanto se beneficiará dos 9 millóns de euros anuais recadados co novo imposto. A continuación, dixo, anunciaron que a Xunta compensaría esta suba, pero parcialmente e sen aclarar “nin como, nin de que forma, nin por canto tempo”.

Paloma Castro negou a maior lanzada polo presidente do goberno e a conselleira de Medio Ambiente e reclamou que asuman a suba do canon completa, porque “quen contamina paga”, e criticou que “neste xogo, os que nunca gañan e sempre pagan son os concellos, e por ende a cidadanía”. Quen non perde, puntualizou, é Sogama, que a pesares da suba da taxa “estimaba que a empresa ía seguir obtendo importantes beneficios”.

En definitiva, reclamoulle ao goberno galego que propicie dunha vez a reciclaxe do material recuperado nos residuos urbanos, que impulsen a formación, concienciación e sensibilización ambiental da poboación galega, bonificando as boas prácticas na xestión sostible do lixo. Reclamoulles axuda para que concellos e grandes empresas implanten a compostaxe e muden cara un modelo medioambientalmente máis recomendable que priorice a redución e a reciclaxe.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario