O Concello da Coruña destinará 1,2 M€ para a mellora de medios e a ampliación do Parque de Bombeiros

por Redacción A Coruña

O Palacio Municipal de María Pita acolle este xoves a sesión ordinaria do Pleno municipal, no que se aprobou inicialmente, e por unanimidade, a Ordenanza Fiscal Reguladora das Contribucións Especiais para ampliar o servizo de extinción de incendios, que neste exercicio anual inclúe unha partida de 1.274.532 euros, con vistas a mellorar os equipamentos do equipo de profesionais do parque municipal de Bombeiros.

Tal e como explicou o voceiro do executivo municipal, José Manuel Lage, o Goberno de Inés Rey ten previsto acometer a adquisición dunha parcela lindeira ao parque municipal de Bombeiros, en Agrela, unha medida que permitirá incrementar a superficie dispoñible para posibilitar que, de cara ao futuro, o parque se adapte e amplíe en base ás necesidades que poidan xurdir. Para isto, estipúlase un orzamento de 431.000 euros, dos que 388.000 veñen derivados da partida das contribucións especiais.

A maiores, tamén se levarán a cabo investimentos para reforzar a frota marítima dos Bombeiros da Coruña. Se actualmente, o servizo conta cunha embarcación e dúas motos de auga para afrontar situacións de emerxencia coma os rescates de persoas no mar, agora está previsto incorporar unha nova moto acuática. Tamén se adquirirá unha autoescada e un vehículo lixeiro para o transporte de persoal. Todo isto suporá un investimento de 624.000 euros.

Por outra banda, destinaranse 360.591 euros á adquisición dun vehículo de descontaminación con equipamento.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario