Ecoloxistas en Acción alerta que o aval de restauración depositado é insuficiente, xa que é moi inferior ao coste real que valoran en máis de 30 millóns de euros
Ecoloxistas en Acción confirma que a historia volve a repetirse na mina da Penouta, coa empresa concesionaria, filial da canadense Strategic Minerals, declarándose insolvente e sen que ao longo dos 10 últimos anos a Xunta impuxese avais suficientes para acometer a restauración da mina neste tipo de situacións. A situación é habitual como amosan os casos de Monte Neme, Varilongo, San Finx ou Touro, máis o da Penouta é especialmente chamativo por terse outorgado a autorización de explotación fai apenas dous anos.
Logo dunha tramitación irregular, o proxecto de explotación da Penouta foi tumbado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a raiz da demanda de Ecoloxistas en Acción. «As ecoloxistas xa alertamos á Xunta das irregularidades nas alegacións iniciais e nun recurso administrativo previo, mais a Xunta decidiu ignoralas, levando a mina á situación actual», explica Cristóbal López, voveiro da organización.
Denuncian que este «favor» á empresa, da que é empregado o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, sairá caro, pois a restauración efectiva da zona podería elevarse a máis de 30 millóns de euros, tomando como expemplo o coste de actuacións de restauración de minas semellantes en España. Sinalan ademais que a empresa mineira fai meses que deixou de pagar o aluguer dos terreos á comunidade de montes da Penouta, que de novo quedará cun desastre ambiental nos seus terreos.
Afección á Rede Natura 2000
Ecoloxistas en Acción confirmou que tanto as súas analíticas como as da Confederación Hidrográfica Miño-Sil acreditan que contaminación na contorna da mina da Penouta está causada pola actividade da empresa Strategic Minerals, afectando ao espazo natural protexido de Pena Trevinca, en Rede Natura. De feito, as análises máis recentes mostran niveis de contaminación de arsénico e cadmio moi superiores aos que se mostraban nun estudo preoperacional realizado pola empresa en 2014.
Estes feitos foron elevados pola organización ecoloxista aos xulgados, onde se abriron dilixencias penais por presunto delito contra o medio ambiente e os recursos naturais. Ecoloxistas en Acción está personada como acusación popular nas mesmas e solicitará medidas cautelares para obrigar á empresa, e subsidiariamente á Xunta, a adoptar as medidas necesarias para parar a contaminación.