O filólogo, profesor da Universidade de Vigo, explica a orixe do actual nome deste concello pontevedrés e do que substituíu no século XIII
Salvaterra de Miño é a protagonista do novo episodio da serie O Seminario de Onomástica responde, que pode verse dende este luns en academia.gal e a canle de Youtube da Real Academia Galega. O académico de número e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza explica dende o concello arraiano o significado do seu nome actual e do que o precedeu, Lazoiro, que se supón que facía referencia ás pesqueiras situadas no río Miño.
O rei Afonso VIII impúxolle a esta localidade o nome de Salvaterra con motivo da carta foral que lle concedeu nos últimos anos do seu reinado, en 1228, dous anos antes do seu pasamento. «Imita o doutras localidades chamadas en francés Sauveterre, ou en occitano Sauvatèrra, e o seu significado vén sendo algo así como terra de refuxio ou terra de asilo. Este nome impúñase co propósito de incrementar a poboación, de maneira que se aceptaban como veciños inimigos políticos ou xente perseguida pola xustiza», explica o filólogo.
Gonzalo Navaza lembra que o nome completo é Salvaterra de Miño e non *do Miño porque nos topónimos tradicionais os nomes dos ríos van sen artigo. «Por iso se di Antas de Ulla, Ribas de Sil ou Salvaterra de Miño. E non só na toponimia galega, tamén no resto da toponimia peninsular: en portugués dise Ponte de Lima; en castelán Miranda de Ebro; en catalán Esplugues de Llobregat…», aclara.
O Seminario de Onomástica responde é unha serie da RAG ,producida co apoio económico da Xunta, na que membros e colaboradores da institución expertos en toponimia afondan na orixe e no significado de nomes de lugar de todo o país. Con esta nova tempada supera o medio cento de pezas centradas nun territorio excepcionalmente rico en toponimia: Galicia ten a terceira parte dos nomes de entidades de poboación de toda España e catro mil máis ca todo Portugal. Atesoura ademais un elevadísimo número de microtopónimos que designan eiras, camiños, devesas ou fontes, e cuxa recollida e xeorreferenciación se está a promover, contando coa colaboración cidadá, a través da aplicación Galicia Nomeada. Tras a estrea dos capítulos sobre Antas de Ulla, Arzúa, Tordoia, Corrubedo e Salvaterra de Miño, a serie continuará o vindeiro luns con Monelos, nome do río coruñés que designa un dos barrios da cidade.