Licitada a mellora da seguridade e accesibilidade na Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias

por Redacción Deportes

Os traballos, que teñen un orzamento superior a 100.000 euros, consistirán na substitución das varandas do recinto e a creación de novas ramplas e escaleiras.

O Concello sacou hoxe a licitación as obras comprendidas no proxecto de mellora da accesibilidade e seguridade na Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias. O Concello destinou algo máis de 100.000 euros a acometer melloras en diversos puntos da Cidade Deportiva da Torre. Isto suporá a renovación das barreiras de protección que hai na contorna dos campos de fútbol.

Esta medida é fundamental para seguir avanzando no plan progresivo de renovación da Cidade Deportiva iniciado polo Goberno de Inés Rey. Substituiranse as varandas deterioradas pola súa exposición ás condicións meteorolóxicas destes campos por unhas novas.

Ademais, levaranse a cabo diferentes medidas en materia de accesibilidade, adaptando as instalacións á normativa actual. Entre os traballos destaca a instalación de lousas podo-táctiles, o acondicionamento do firme e a creación de novas ramplas de acceso e escaleiras.

Con esta actuación, darase cumplimento ás principais reclamacións dos usuarios e usuarias da cidade deportiva, onde xa se renovou o céspede artificial da meirande parte dos campos e tamén se instalou iluminación led de baixo consumo. Ademais, outra das peticións das persoas usuarias, a instalación dun espazo de lecer e restauración, tamén foi satisfeita o pasado ano.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario