Luz verde para instalar no cemiterio de Celanova o memorial ás 90 vítimas da guerra e da ditadura

por 21 Noticias

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova agradece ao Bispado de Ourense é á Xunta de Galicia a dilixencia na tramitación do permiso para levantar no cemiterio parroquial de San Breixo un memorial en honra das vítimas da guerra e da ditadura franquista que foron represariadas en Celanova e recibiron sepultura aquí entre 1936 e 1943. Así mesmo, o Comité agradece tamén ao goberno municipal de Celanova a rápida concesión do permiso de obra imprescindíbel para intervir no cemiterio.

Da man do Goberno de Asturias, o Comité iniciou en setembro de 2021 os traballos para exhumar a fosa dos 7 asturianos que se tiña documentado nos meses anteriores. Ao abeiro do plan estatal de fosas e baixo a coordinación do Grupo Histagra da USC, a intervención iniciouse o 23 de novembro de 2022 e rematouse con éxito o 16 de decembro despois de que apareceran os restos sete corpos. O labor do equipo de Tempos Arqueólogos dirixido por Julián Bustelo e do antropólogo forense Fernando Serrulla (Imelga) permitiu que, en abril de 2023,  a unidade de xenética do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro identificase os restos de Abelardo Félix Suárez del Busto e Marcelino Fernández García, que foron entregados ás súas familias nunha cerimonia na Casa do Concello de Celanova en xuño.

En paralelo a estes traballos, o Comité continuou a investigación sobre as persoas asasinadas na contorna de Celanova e falecidas na Prisión Central entre 1936 e 1943 que foron enterradas no cemiterio de San Breixo. Tomando como base o estudo fundamental de Domingo Rodríguez Teijeiro (Uvigo) sobre as vítimas na prisión, o Comité elaborou unha lista de 90 nomes que se publicará nos próximos días.

A lista ábrena dous irmáns de Verín, veciños de Ourense, Emilio e Manuel Fuentes Canal, paseados na Ponte Pequena, xunto a estrada de Celanova a Ourense entre o domingo 16 e o luns 17 de agosto de 1936; e péchaa o cacereño de Miajadas, Juan Masa Chamorro, que faleceu na enfermaría da Prisión Central de Celanova ás seis horas e trinta e cinco minutos do 27 de agosto de 1943.

O memorial, obra do artista celanovense Baldomero Moreiras, consiste nunha dupla columna de ferro rematada por dúas pombas que se levanta sobre unha lousa de granito a modo de sepultura. Sobre as columnas, en láminas de aceiro, están inscritos os noventa nomes.

Ademais, o Grupo Histagra, colocará a carón do memorial unha figura que se repetirá en todas as fosas intervidas no país dentro do plan estatal. A escultura é obra da artista coruñesa Uqui Permuy.

As datas para a instalación das pezas e a celebración dun acto de inauguración decidirase nas próximas semanas.

Foto portada: Baldomero Moreiras, no cemiterio de San Breixo, cunha maqueta do memorial.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario