O Proxecto Ríos de ADEGA desenvolverá ao longo desta semana un campo de voluntariado ambiental con alumnado do IES Alto Jarama de Madrid.
Ao longo desta semana, o Proxecto Ríos de ADEGA desenvolverá un campo de voluntariado para a recuperación de zonas afectadas polos incendios forestais do pasado verán de 2025 no concello de Vilamartín de Valdeorras.
En concreto, o campo comezará este martes, 7 de abril e prolongarase ata o venres 10. Nel participarán 29 alumnos e alumnas de 4º da ESO e de FP Básica en Aproveitamentos Forestais do IES Alto Jarama, de Torrelaguna (Madrid), con idades comprendidas entre os 15 e os 17 anos, e acompañados por 4 docentes.
A chegada do grupo está prevista para o martes, mentres que as actividades darán comezo o mércores. Estas accións teñen como obxectivo continuar os labores de restuaración ambiental desenvolvidos polo voluntariado de ADEGA durante o pasado mes de outubro, e que consistiron no espallado de palla e na creación de faxinas e albarradas para o control da erosión e o freo de escorrentas.
Nesta nova fase preténdese avanzar na recuperación dos hábitats de ribeira e doutras zonas afectadas. Na xornada do mércores traballarase na zona de San Vicente de Leira, onde se realizará unha plantación de árbores froiteiras de aproximadamente 1,5 metros de altura, en colaboración coa veciñanza da aldea afectada polo lume.
Xa para o xoves, as tarefas desenvolveranse na zona de captación de augas e nos regatos da conca do río Leira. Levarase a cabo a plantación de especies autóctonas de ribeira (salgueiros, ameneiros, freixos, entre outras) co obxectivo de favorecer a conservación hídrica destes pequenos cursos de auga. Ademais, realizaranse actividades complementarias como a inspección do río Leira e a instalación de caixas-refuxio para morcegos e aves.
Este campo de voluntariado conta co apoio do Concello de Vilamartín de Valdeorras, que cederá o albergue para o voluntariado e colaborará nas plantacións. Ademais, está financiado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CH-MS) e pola Secretaría de Estado de Medio Ambiente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.