Ameijide: “No que vai de ano Tomé destinou a dedo a Monforte 1.012.500€ aumentando así a discriminación co resto de Concellos da provincia”

por Redacción Lugo

O goberno provincial de PSOE e BNG aprobaron o pasado venres “a porta pechada” un novo convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e o Concello de Monforte, por valor de 412.500€, do que “curiosamente nin informaron na habitual rolda de prensa que fan todos os venres nin na nota de prensa que difundiron aos medios de comunicación e na páxina web da Deputación”.

O Grupo Provincial Popular condena que “medre a insolidariedade e a discriminación do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé” cos concellos da provincia; tras aprobar o ente provincial en xunta de goberno un novo convenio co Concello onde el é alcalde e a través do cal se verá beneficiado doutros 412.500€ -divididos en catro anualidades- despois de que o pasado mes de abril o presidente asinara, por decreto, outro convenio co Concello de Monforte por 600.000€, chegando xa, no que vai de ano, a 1.012.500€ en convenios a porta pechada.

“Tomé dirixe máis fondos da Deputación a Monforte de Lemos a dedo a través de convenios -máis de 1M€- que pretende subir durante os catro anos de mandato ao Plan Deputación para repartir entre tódolos Concellos, baixo criterios algo máis obxectivos”, subliña o portavoz, Antonio Ameijide. Ao que hai que engadir que dos 250.000€ que anunciou que aumentaría cada ano, Monforte de Lemos é un dos 5 concellos da provincia que recibiu 50.000€ máis este ano con respecto ao anterior. Moi xusto coa totalidade dos concellos da provincia non parece”, incide.

O popular sinala que “entre as competencias propias da Deputación atópase a cooperación cos Concellos máis pequenos, pero o goberno provincial actúa con sectarismo gobernando só para os seus porque só colabora con Concellos gobernados por PSOE ou BNG”.

E, máis concretamente, Ameijide afea que “priorice ao Concello onde é alcalde Tomé por riba do resto de concellos da provincia que tamén precisan a colaboración do ente provincial e, a pesar de que lles trasladan as súas necesidades, non son escoitados”. Isto supón “unha clara discriminación aos veciños e veciñas do resto de municipios da provincia”.

Ameijide subliña que “PSOE e BNG continúan a empregar a Deputación de Lugo como a súa chequeira particular”. De feito, considera que “este goberno segue instalado no seu municipalismo de amiguetes, marxinando a máis da metade dos Concellos da provincia de Lugo soamente porque os seus veciños decidiron que a mellor opción para dirixir o seu municipio era o Partido Popular”. 

CONVENIO DE 600.000€ POR DECRETO

Os populares xa acusaran a Tomé en abril de “pensar unicamente en Monforte” á vista de asinar “un convenio consigo mesmo e ás présas” vía decreto mentres se celebraba un pleno ordinario -sen pasar por xunta de goberno para que o revisasen e opinasen o resto de deputados de goberno do PSOE e BNG-.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario