A comisión executiva da rede seleccionou a cidade herculina como un dos 61 novos destinos, obtendo a distinción DTI.
A comisión executiva da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, dependente do Ministerio de Industria e Turismo do Goberno de España, aprobou a incorporación da Coruña como destino turístico á rede, e obtivo a distinción de DTI. Deste xeito, A Coruña posiciónase nunha entidade que conta xa con 680 membros, dos cales só 501 son destinos, froito da estratexia do Goberno de Inés Rey para impulsar o turismo da cidade dende unha perspectiva sostible.
En total, a rede incorporou 61 novos concellos entre os que se inclúen Ávila, Barakaldo, Albacete, Elche ou A Illa de Arousa. Así mesmo, sumáronse á rede como entidades colaboradoras as comunidades autónomas de Murcia e a as Illas Baleares xunto coa Dirección Xeral de Turismo do Goberno de Cantabria ou a Consellería de Presidencia, Reto demográfico, Igualdade e Turismo do Principado de Asturias.
A rede de Destinos Turísticos Intelixentes é unha iniciativa da Secretaría de Estado de Turismo para fomentar o intercambio de experiencias e coñecemento, creada co obxectivo de promover a conversión dos destinos turísticos a destinos intelixentes adquirindo o compromiso de abordar medidas segundo a metodoloxía DTI.