O pelotazo do Quinteiro (I) Por Gonzalo Soto

por Gonzalo Soto

@gonzalogsoto

Cando o visitante se achega a Lugo, ese que valora, sente e respecta o seu rico patrimonio; de vagariño e silandeiro vaise introducindo por unha das dez portas do seu magno  monumento  pétreo, Patrimonio da Humanidade, e que como tal debe ser valorado, respectado e tratado, sobre todo por aquelas persoas e institucións que teñen a capacidade e o deber de exercer tales facultades ou tamén facer xusto o contrario, feito que pode acontecer de levarse a termo a anunciada actuación urbanística e construtiva do Quinteiro, se o sentido común non o remedia.

A muralla romana de Lugo, ese monumento erguido como fortificación militar para protexer esta cidade das pretensións invasoras que puideran ameazala. Hoxe, pasados preto de dous mil anos, o seu significado é outro ben distinto, unha salientable forteza cultural e económica de primeiro orde e, se cadra, tamén identitaria do ser e sentir dos lucenses. Por elo, cando se comete un dano ou unha falla de respecto a este monumento, tamén se están a ferir dalgún xeito os sentimentos da cidadanía lucense e de todas aquelas e aqueles visitantes que senten os mesmos ou semellantes afectos.

A actuación urbanística proposta pola propiedade para o Quinteiro é, pois, un símbolo paradigmático da falla de respecto a este monumento e ao demais patrimonio que circunda, engrandecendo e ennobrecendo o seu conxunto. Un obxectivo e un compromiso que a cidadanía lucense non deberá esquecer, logo xa será tarde.

O modelo urbanístico que polas súas condicións naturais e patrimoniais esixe esta cidade monumental, ubicada nun lugar privilexiado, rodeada dunha rica paisaxe, co río Miño ao fondo e todo un manto verde que a rodea, facendo dela un lugar ideal para o lecer dos seus moradores e visitantes que nos achegamos a ela, segue a ser unha asignatura pendente que se repite curso tras curso con independencia da cor partidaria que vén exercendo o poder político local. O Garañón que aínda segue ergueito nas costas do parque Rosalía de Castro, un legado dos nosos devanceiros, e unha arcadia para mergullarse e contemplar o infindo horizonte cara a posta do sol, amosa as eivas dese urbanismo fallido.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario